Alumna da AC Taekwondo Sarria: “O taekwondo faime crecer como persoa”

O taekwondo en Sarria está de moda e iso reflíctese nas 130 licenzas que aglutina a Escola Taekwondo Sarria, cuxo promotor, Álex Losada, máis coñecido como Álex Camba, valora moi positivamente. “Estou moi contento co alumnado que temos, xa que contamos con moitos nenos e nenas que teñen ilusión por aprender e desfrutar deste deporte, explica”.
Ademais de destacar o compromiso e o esforzo dos máis de 100 nenos e nenas de entre 3 e 16 anos que seguen os pasos do seu adestrador, hai tamén un grupo de 20 adultos de entre 17 e 50 anos que comparten o amor polo deporte nunha idade máis madura, na que intercambian vivencias, experiencias e coñecementos, aprendendo uns dos outros nun ambiente interxeracional.
Un dos deportistas, Cristian Vivas, de 19 anos, sostén que “Na Escuela de Taekwondo Sarria, valoramos a esixencia para cumprir cada un dos nosos obxectivos que nos marca o noso adestrador e mestre Álex Losada, o cal é moi coidadoso e metódico á hora de organizar cada adestramento, facendo que cada día de adestro sexa único e diferente”.
Pola súa parte, Raquel Vilarín, de 35 anos, argumenta que “desde que iniciei o camiño do taekwondo descubrín unha arte marcial que me achega grandes valores, entre os que destacaría sen dúbida a disciplina, a seguridade nun mesmo, a perseveranza, pero sobre todo o respecto e o compañeirismo. En xeral, o taekwondo faime crecer un pouco máis como persoa”, destacou a alumna.
Tamén Fidel del Río, de 39 anos, cre que mellorou grazas ao taekwondo: “O taekwondo e o traballo que facemos na escola permite un desenvolvemento moi fluído en moitos aspectos. Realizamos un traballo de preparación física co que notei unha mellora a nivel de forza e cardio; e o adestramento máis específico axuda a mellorar a elasticidade, coordinación, concentración e control do corpo. Persoalmente, estou moi agradecido a Álex porque sempre adaptou os adestramentos ás nosas capacidades e necesidades, de tal forma que se consegue unha progresión constante que motiva a seguir involucrado e a coñecer máis a fondo este deporte”.
Finalmente, Juan José López, de 26 anos, cre que “desde que empecei, o que máis noto é a flexibilidade. Tamén o noto na resistencia e forza polos adestramentos que nos prepara Álex, xa que sabe que temos que facer para mellorar cada un. É un gusto e unha sorte ter a alguén como el de adestrador. En canto á técnica, todos os alumnos esforzámonos moito e dá gusto o bo rollo que hai. Hai dúas mozas que se examinan para cinto negro e son as primeiras en axudar aos que son de cinto máis baixo”, comenta.
Pola súa parte, Álex Losada sostén que “o mérito o teñen eles, por todo o seu esforzo, compromiso e gañas por aprender, o que me fai a mí estar súper contento e orgulloso do traballo feito na AC Taekwondo Sarria”, concluíu.