Alumnas e alumnos do Ceip San Miguel de Paradela visitan San Facundo de Ribas de Miño

SarriaXa
Arredor de 40 alumnas e alumnos do Ceip San Miguel de Paradela visitan o cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño
San_Facundo_de_Ribas_de_Mino
2 Nov 2022

Arredor de 40 alumnas e alumnos do Ceip San Miguel de Paradela veñen de participar nesta excursión que lles permitiu visitar o cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño e acudir á exposición No Camiño.

Alumnado e profesorado deste centro xunto coa directora do colexio, Adela López, chegaron ó cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño para asistir á lección especial O Galego nos Cemiterios de Galicia, no único cemiterio que ten todas as súas lápidas en galego.

No acto interviñeron o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, na recepción dos alumnos, o arquitecto do cemiterio, Jorge Salvador, que explicou a singularidade deste, o presidente da Asociación de Funcionarios a prol do Galego, Xosé González Martínez e a xefa provincial de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, María Xosé Gómez Rodríguez.

Os rapaces visitaron tamén a exposición No Camiño, de fotos antigas relacionadas cos Camiños de Santiago da provincia de Lugo, que se atopa na Igrexa de San Facundo.

De volta a Paradela, fixeron parada no Panteón de Paradelenses ilustres no cemiterio de San Miguel, que ten as inscricións e as placas en galego esculpidas polo canteiro Manuel López López, O Lagoa, para que fose colocada no nicho despois do seu pasamento.

No Camiño: Señores da luz, Señores da palabra

Son señores da luz os que, aínda agora pero especialmente en tempos difíciles en recursos e tecnoloxía, captaban coas súas cámaras instantes de vida, deixando permanente constancia dunha presenza ou dun feito. Son señores da palabra os que, en poesía ou en prosa, fabularon ou deixaron constancia de feitos acontecidos, situacións, persoas… dos mesmos lugares onde se fixeron as históricas fotos. E sta acción pon de actualidade e en valor ese conxunto de obras que compre rescatar do esquecemento.

Con este proxecto homenaxe a, coñecidos ou anónimos, históricos señores da luz e da palabra, señores do camiño en fin, mestres dos tempos heroicos da fotografía e da escrita, cronistas literarios e gráficos, búscase divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador.

As fotografías, perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas, son un valor por si mesmas e o testemuño da luz resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador. A exposición está formada por 10 paneis impresos por ámbolos dous lados, que conteñen fotografías e os seus correspondentes textos.

A mostra conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e actualmente está a percorrer os Camiños de Santiago por toda Galicia. Para mais información pódese consultar a súa web www.nocamiño.org

0.17590999603271