Ampliado o prazo para solicitar os Bonos Impulso ata o 15 de xullo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A institución provincial está a repartir 17.000 descontos nominativos de 30€, para compras dun mínimo de 60€.
Cabecera Bono Impulso
22 Jun 2021

A institución provincial está a repartir 17.000 descontos nominativos de 30€, para compras dun mínimo de 60€. Os beneficiarios terán de prazo para utilizalos dende que o reciban ata o vindeiro 31 de agosto.

A Deputación de Lugo ampliou o prazo, ata o 15 de xullo, para que a veciñanza da provincia poida solicitar os Bonos Impulso. A institución provincial está a repartir 17.000 descontos nominativos de 30€, para compras dun mínimo de 60€, que poden gastarse en calquera comercio, negocio de hostalería e servizos dende a súa recepción e ata o 31 de agosto deste ano. Con esta medida, que forma parte do Plan Impulso da Economía da Provincia da Deputación, mobilizarase máis de 1,5M€ nos sectores máis afectados pola crise sanitaria grazas ao seu efecto multiplicador.

 Preto de 6.500 veciños e veciñas da provincia xa solicitaron -a través da páxina web da Deputación de Lugo, da sede electrónica ou mediante o procedemento habitual, presentando a documentación nas oficinas de Rexistro- os seus descontos para gastar nos establecementos adheridos do seu concello, unha medida que naceu co propósito de xerar actividade económica nos 67 municipios que conforman a provincia de Lugo.

A Deputación fai un reparto equitativo dos bonos seguindo criterios obxectivos, como a poboación, o número de persoas en situación de desemprego e o número de empresas dadas de alta no IAE (Imposto de Actividades Económicas). En base a iso, a Deputación establece un mínimo de 20 bonos para os concellos máis pequenos e un máximo de 5.000 para os máis grandes. Cada beneficiario deberá  usar o seu Bono nos establecementos adheridos ao concello no que reside, agás que non haxa ningún inscrito.

Os bonos poderanse gastar en todo tipo de actividade comercial, hostaleira e de servizos, agás á compra de bebidas alcohólicas, tabaco e lotarías. Asignaranse por orde de presentación de solicitudes, respectando o número mínimo e máximo establecido de bonos por concello, e fixando nesta primeira fase de asignación un máximo dun bono por persoa. Os beneficiarios recibirán na súa casa, a través de correo postal, o seu Bono Impulso, que poderán utilizar como método de pagamento nun único establecemento. Este bono será nominativo, é dicir, levara o nome e apelidos de cada persoa, o que permitirá identificalo no momento da compra. De non esgotarse todos os bonos nesta segunda fase de solicitude que se abre agora, a Deputación de Lugo realizará sorteos entre aqueles cidadáns interesados en participar no programa.

Na páxina web da Deputación hai habilitado un espazo específico e visual onde os interesados poden encontrar información útil sobre a campaña. Así mesmo a institución provincial ten habilitado o teléfono 982.260.204 e o enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org para calquera dúbida que poida xurdir. 

 Efecto multiplicador

A Deputación destina 510.000€ para os Bonos Impulso, unha inxección económica en termos de consumo porque segundo os estudos económicos dos técnicos o impacto económico de cada euro investido multiplicarase por tres.

0.1457200050354