Ana Basanta, de MasLife: “Poñémonos no lugar do cliente para que quede contento”
Por Jessica Fernández
Cando e por que xorde a iniciativa de abrir este negocio?
Este negocio abrírono os meus antigos xefes o 1 de outubro de 2010 e eu comecei a traballar con eles o 6 de outubro. Durante 12 anos e pico estiven moi involucrada na xestión e na tenda, vendo como se facía e que se facía e chegou un punto no que os antigos xefes dixeron que ían pechar o negocio, e eu fixen a proposta de que, xa que o ían deixar e eu sabía o funcionamento e como ía todo, que me quedaría con el. Así, fixéronme unha cesión en marzo de 2023 e desde aquela estou á fronte.
O primeiro ano foi complicado porque foi un ano no que, aínda que a tenda xa estaba funcionando, empecei cunha xerencia nova e ocupábame de todo, poñendo as cousas á miña maneira. Pero a valoración xeral é que foi un ano bo e non estou arrepentida de terme involucrado.
Que é unha tenda MasLife?
É unha franquicia do operador loxístico de Yoigo. Ten un distribuidor máster que ten un nome comercial, MasLife, con todas as tendas franquicias de Yoigo. Hai dous tipos de tenda Yoigo, a tenda simple, que só ofrece servizos de Yoigo, e a tenda MasLife, que ofrece os servizos das operadoras virtuais que pertencen a Xfera Moviles SAU, que son MásMóvil, Yoigo, Pepephone, Llamaya, Lebara, Lycamobile e Hits Mobileda.
Por iso, MasLife non é un nome elixido por nós, é o nome da franquicia. Así, tamén hai tendas deste tipo en Foz, Viveiro, na Coruña...
Que servizos ofrecen?
Ofrecemos servizos de tarifas de móbil, de fibra na casa, de teléfono fixo, os clientes poden contratar servizos de luz da casa, poden mercar teléfonos móbiles en pago único ou aprazado dentro da compañía, tamén ofrecemos teléfonos libres sen vinculación a compañía, vendemos de accesorios para móbiles... Temos tamén paquetes de servizos, como por exemplo un de luz, de telefonía móbil e de fibra de Internet.
Como é a relación cos clientes?
Nós, o que adoitamos facer, e por iso a xente está contenta, é levar a cabo un asesoramento completo con comunicación directa. Nós non queremos centrarnos en facer unha venda agresiva; somos sinceros porque dicimos o que hai, se non lle podemos ofrecer nada ao cliente, dicímosllo. Miramos máis polo ben do cliente e intentamos facer paquetes de servizos e minimizar os custos dentro do que o cliente quere. Se xa es cliente eu vou intentar que o beneficio estea no lado do cliente, polo que nos poñemos no seu lugar para que estea contento, en vez de sacar vendas a machete. Preferimos involucrarnos co cliente para que a medio e longo prazo siga con nós. Intentamos fomentar a fidelidade.
Temos clientes fieis na súa maioría, aínda que nalgúns momentos cambian, pero sempre volven ou preguntan. Ata hai pouco non tiñamos fibra, pero agora que xa a temos, pregúntannos que lles podemos ofrecer.
Ademais, aínda que non sexas cliente, se nos vés preguntar por outras cousas, sempre temos as portas abertas porque sempre intentamos axudar. Temos algunha persoa maior que non quere involucrarse tanto na tecnoloxía ou o internet, e explicámoslle como vai, ou se lle instalaron unha cámara, paramos e axudámoslle para que entenda na práctica a través duns pequenos manuais para que ao chegar a casa poidan entender o que se lles explicou.
Por que era importante un negocio deste tipo en Sarria?
Esta tenda, cando abriu, xa tiña de competidoras dúas tendas de Movistar, unha de Vodafone e unha de Orange, pero non había de Yoigo, e un dos motivos importantes de abrir como foco de negocio é que era unha compañía que miraba polos clientes e máis sinxela: tal tarifa e tal prezo; non hai voltas nin hai letra pequena. Agora hai máis complicación porque hai máis servizos, pero isto era un valor engadido para a apertura da tenda. Coa xente envellecida de Sarria era mellor un servizo mais sinxelo e útil para o usuario porque non vale para nada unha tarifa barata sen poder darlle un uso real.
Que é o que destacan os clientes do servizo?
Eu creo que sobre todo valoran que estamos moi pendentes do que eles precisan, adaptámonos a unha persoa maior que se quere meter nun teléfono táctil e aprender desde 0 o seu funcionamento e sabe que imos ensinarlle e dedicarlle tempo. Eu xestiono e decido e non me importa desprazarme para acabar de instalarlles algo, xa que eles atópanse máis seguros se ti vas, aínda que sexa doado... Estamos pendentes do que necesitan para que saia o mellor posible.
Como son as instalacións coas que contan?
É unha tenda pequeniña. Temos un mostrador, unha zona de exposición de accesorios e hai cartelería con promoción. Aínda non temos moitos teléfonos móbiles en exposición, só catro, pero é algo que se está barallando, porque á xente gústalle tocar. Estamos pensando en facer un moble para que vexan máis.