Ana López, campioa da Copa de España: “A miña meta é participar nos Xogos Olímpicos”

SarriaXa
Representando ao club de tiro San Juan de Sarria, alzouse coa medalla de ouro na Copa de España de pistola de aire comprimido a dez metros
Ana-López-tiro-olímpico-Sarria
22 Jun 2025

Jessica Fernández

Ana López Gallego, de 22 anos, volveu demostrar a súa destreza e constancia no mundo do tiro deportivo. Representando ao club de tiro San Juan de Sarria, alzouse coa medalla de ouro na Copa de España de pistola de aire comprimido a dez metros, na categoría dama. Este novo triunfo consolida unha traxectoria marcada pola disciplina, a paixón e o esforzo desde unha idade temperá.

“Estou moi contenta, porque levei adestrando sen parar case un ano, non tiven descanso en toda a tempada”, comenta Ana cunha mestura de alivio e orgullo. “Agora, moi contenta por descansar, acabei a tempada e xa con gañas de volver a empezar en setembro”.

A súa historia co tiro comezou aos oito anos, influenciada directamente polo seu contorno familiar. “Formeime grazas ao meu pai, que é o presidente do Tiro San Juan. Un día fun con el e gustoume. Foi quen me apoiou desde o principio, adestrou comigo, viu que se me daba ben e comezou a levarme con el. Débolle todo a el”.

O talento de Ana non tardou en florecer. Aos nove anos gañou o seu primeiro Campionato de España, e continuou acadando títulos ata os trece. Porén, o camiño non sempre foi lineal. “Despois tiven un parón de dous anos. Foi unha etapa complicada. Logo retomeino e colléronme na Selección Española”. Desde entón, representou a España en dous Campionatos de Europa, un Mundial e dúas Copas do Mundo. No seu último Campionato de Europa, o equipo feminino, composto por tiradoras de distintos puntos do país, rozou o podio: “Quedamos cuartas, éramos tres rapazas no equipo, unha de Asturias, outra de Valencia e eu”.

Máis aló da medalla, Ana reflexiona sobre a esixencia psicolóxica deste deporte: “A competición é moi dura porque hai moita presión da xente que te rodea, da federación, do equipo… durante moito tempo seguido”. A pesar de todo, atopa no tiro unha disciplina única: “É un deporte interxeracional. Aporta moita disciplina. Estás ti contigo mesma, non compites contra ninguén, só contra ti. Mentalmente esíxeste moito e hai que ter a cabeza ben posta”.

O club de tiro San Juan, onde comezou a súa historia, conta con arredor de 250 socios, moitos deles procedentes da comarca de Sarria, de Lugo e incluso de Ponferrada. Alí forxáronse tamén outros campións, como Javier Díaz, gañador dun campionato nacional. Ana destaca o carácter seguro e técnico desta práctica: “Coas medidas de seguridade adecuadas, nunca tivemos ningún problema. Hai persoas que nunca tocaron unha pistola antes de vir ao club, pero ensinámoslles e é un deporte seguro”.

Actualmente, Ana compaxina a súa carreira deportiva coa súa formación profesional. Fixo un ciclo en nutrición deportiva e soña con abrir o seu propio ximnasio en Sarria. “Son unha deportista de alto nivel, pero non me podo permitir vivir diso. Por iso, gustaríame montar un ximnasio en Sarria e seguir no club adestrando e competindo”.

Así, coa vista posta no futuro, a súa meta é clara: “Gustaríame ir a uns Xogos Olímpicos, clasificarme. Vou intentalo nestes dous anos. E se algún día chega, xenial”.

⚙ Configurar cookies
0.15910291671753