Ana López Gallego gaña a primeira fase da Copa Federación en Logroño

Ana López Gallego, integrante do club de tiro San Juan de Sarria, proclamouse vencedora da primeira fase da Copa Federación nunha competición disputada durante a pasada fin de semana no centro de tecnificación deportiva Prado Salobre, en Logroño.
A cita estivo organizada pola Federación Riojana de Tiro Olímpico e reuniu a arredor de 200 deportistas procedentes de distintos puntos do Estado.
A tiradora sarriá acadou a medalla de ouro na modalidade de pistola de aire comprimido a dez metros, dentro da categoría feminina. O seu triunfo chegou acompañado dun destacado rexistro de 575 puntos, unha puntuación cualificada como marca B, que confirma o seu alto nivel competitivo.