Ana Pontón abriu as portas da súa casa familiar en Chorente para iniciar a súa campaña electoral

SarriaXa
A candidata á Presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións do 18 de febreiro, Ana Pontón, escolleu a súa casa familiar na aldea de Chorente, en Sarria, como primeira parada de campaña, na que estivo arroupada pola súa nai, Aurita, e o seu pai, Luís.
Ana Ponton Chorente Sarria
3 Feb 2024

A candidata á Presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións do 18 de febreiro, Ana Pontón, escolleu a súa casa familiar na aldea de Chorente, en Sarria, como primeira parada de campaña, na que estivo arroupada pola súa nai, Aurita, e o seu pai, Luís.

Nun entorno moi afectivo, a cociña da vivenda na que se criou, trasladou a súa parte máis persoal: “Quero que os galegos e as galegas, ás que lle pido a confianza para ser presidenta, saiban quen son, que coñezan de onde veño, cales son as miñas orixes e os meus valores para construír unha Galicia mellor”, explicou.

Dende a cociña da súa infancia, reivindicou o orgullo do rural e de ter nacido nunha familia que, a pesar de ser humilde, nunca lle puxo límites ao que quería ser: “Aquí vivín 18 anos, até que marchei a Santiago para estudar na universidade, e síntome moi orgullosa da miña orixe e moi afortunada de terme criado nunha aldea, cos valores que me transmitiron neste espazo”, asegurou.

Filla de gandeiros, referiuse ao traballo no rural como exemplo do que significa o esforzo e, emocionada, aludiu a todo o que fixeron os seus pais “por sacar adiante unha familia de catro fillos, dándolle máis oportunidades das que eles tiveron”.

A candidata do BNG lembrou como o seu pai tivo que emigrar dende os 16 ata os 30 anos, cando regresou a Chorente para traballar nunha cementeira en Ourol, mentres a súa nai facíase cargo dunha pequena explotación gandeira.

“Nunca nos faltou de nada, pero tampouco nos sobraba nada”, dixo, para engadir que a situación económica da súa familia serviulle co paso dos anos para saber que “non se pode ter de todo e que o importante é saber que hai que traballar para intentar que a túa vida sexa plena e acadar os teus obxectivos”.

Ademais, da súa nai sostivo que foi o seu referente, porque simbolizaba “a todas esas mulleres que nos foron abrindo camiño, que loitaron pola igualdade e que axudaron a que agora non nos poñamos límites sobre as nosas aspiracións”.

Pontón explicou que nacer nunha familia “humilde, traballadora e de aldea” non implica ser menos que ninguén nin ten por que limitar o teu futuro. “Se me preguntaran cando era adolescente se quería ser presidenta, contestaría que nin mo imaxinaba; si mo preguntaran hai dez anos tamén diría que non. Pero hoxe creo que este País necesita unha presidenta”, afirmou, convencida de que a partir do 18-F Galicia pode ter unha muller liderando o Goberno dende os valores que aprendeu en Chorente: “O orgullo de nós, de crer que non temos límite e de que podemos facer grandes cousas”, sintetizou.

0.11708092689514