Antón de Guizán

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
antonio guizan guitiriz
9 Mar 2023

Por Raúl Río.

Antón Tenreiro Ferreiro, coñecido tamén como Antón de Guizán por coller o alcume da casa de súa nai, sempre estivo orgulloso de ser chairego e de nacer na parroquia de Lanzós, porque é deses homes fieis a súa familia, a súa terra e a súa cultura.

Con catro anos trasladouse a Coruña, onde se formou e viviu ata que se foi para Oleiros. Alí exerceu de concelleiro de xuventude, deportes, turismo, normalización lingüística e tenente de alcalde polo BNG, entre 1993 a 2004. Despois, cando o PSOE e BNG gobernaron na Xunta foi asesor do Vicepresidente Anxo Quintana no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, desenvolvendo por Galicia a rede de Centros de Día, Galescolas, e outros equipamentos do Servizo Galego de Igualdade e Benestar.

Comezou a integrarse na parroquia dos Vilares e no concello de Guitiriz nos anos 2011 ou 2012, cando coñeceu a súa compañeira, a escritora vilarega Pastora Veres. Mais podo asegurar que xa no 2014, cando a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas a Díaz Castro, foi un dos mais entusiastas á hora de elevar á súa categoría poética ao lugar que lle corresponde, cousa que algúns veciños lle negaban, non porque non o merecera, senón porque ignoraban o valor da súa obra e tampouco sabían das labores burocráticas que realizou en Madrid para que Antonio Castro puidera traer a luz eléctrica aos Vilares e outras parroquias do arredor, en 1961.

El e mais Pastora pensaron nun proxecto cultural para poder levar a cabo o encargo que Manuel María lle fixo a ela, de darlle voz aos veciños da parroquia, algo que levou a cabo co seu libro “Lareira de Soños” e co vídeo “Entrar nos Vilares” de Cibran Tenreiro, que o acompaña. Entre os dous fundaron a Asociación Cultural que leva o nome do libro, da que Antón é presidente, para darlle valor e apreciar mais as cousas que temos nos Vilares por pequenas que sexan e ás que non lles damos a importancia que teñen. Antón veu de fora dicirnos que debemos darnos mais a valer, como tamén fixo o gran investigador zaragozano, Alberto Segovia y Corrales, alá por 1895, no primeiro tomo de “Las Producciones Naturales de España”, dedicado a Galicia, animándonos a dar valor ao noso e non ó alleo, dicíndonos que tiñamos que apreciar mais as grandes riquezas que temos no noso país.

A base de traballo, movendo Roma con Santiago, con constancia e teimosía, conseguiu que hoxe se restauren os frescos da igrexa dos Vilares, verdadeiros tesouros descubertos en 1991 e aos que non deu valor don Segundo Pérez, daquela cura da parroquia e despois Deán da Catedral de Santiago, que abandonados por el fóronse deteriorando e facendo cada vez mais difícil a súa recuperación.

O seu traballo polo noso patrimonio material e inmaterial fixo que tamén se amañara o cruceiro lateral do calvario do adro que foi escachado por un coche e que, baixo a miña humilde opinión, até o clero xa daba por perdido.

Xunto con outras asociacións de toda Galiza, loita por restaurar a histórica torre de Caldaloba, sen esquecerse de recuperar os muíños, fontes, castros, medorras e a escola habanera da Conchada; de restaurar os pendellos da antiga Feira do 7  e que a casa de Díaz Castro sexa axiña a Casa da Xente, como ten proxectado Alfonso Blanco de Xermolos.

Nesa teima de darlle importancia a todo, quixo homenaxear aos especialistas en darlle valor aos trapos vellos que os trapeiros trocaban por agullas, navallas, pendentes, espellos e outras cousas que non había nas aldeas, dándolles así un novo uso. Para elo creou o galardón de “Trapeiro de honra”, sendo o primeiro homenaxeado, a título póstumo, o poeta Díaz Castro, no 2014, e nos seguintes anos foron recoñecidos con el outros veciños e veciñas da parroquia.

Este activista cultural, poeta e colaborador deste periódico, tamén fundou a asociación “Nova poesía Guitirica”, que foi presentada co gallo do XXV aniversario de Díaz Castro na igrexa dos Vilares en outubro de 2015, nun recital dos novos poetas guitiricenses, aos que daquela Armando Requeixo chamou “Os afillados de Díaz Castro” e que hoxe conta, ademais, con grandes poetas doutras comarcas de Galiza.

Conxuntamente co concello e con Xermolos, creou o Festival de Poesía de Guitiriz que ten lugar polo verán e que se celebrou por primeira vez no 2021, participando nel poetas vidos e vidas de toda Galiza. Desde que se fundou este Festival o concello aproveita tamén para  facer entrega do premio “Díaz Castro de Poesía” e a Asociación Lareira de Soños os premios do concurso de versos curtos chamados “Vilariñas”, un certame de micropoesía ideado tamén por el.

Por onde vai deixa a súa pegada e non ía ser menos na cidade onde vive, pois na Asociación Lar de Unta de Betanzos organiza continuamente charlas, presentacións de libros, proxeccións de películas  e outras actividades culturais.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15220880508423