“Aos xograres o que nos define é a amabilidade, a boa convivencia, e o sentido de pertenza”

Jessica Fernández
Os institutos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández de Sarria conmemoran este ano 2025 o seu 50 aniversario, medio século de compromiso coa formación e o desenvolvemento educativo da comarca. O IES Xograr Afonso Gómez iniciou a súa andaina no ano 1975 como Instituto de Bacharelato, instalado no edificio que hoxe ocupa a Casa da Cultura de Sarria, e, cinco anos despois, no curso 1980-81, o centro trasladouse á súa actual localización. Pola súa parte, o IES Gregorio Fernández naceu tamén en 1975, pero coa vocación de ofrecer ensinanzas de Formación Profesional. Co paso do tempo, adaptouse ás novas etapas educativas e, no curso 1998-99, incorporou a ESO e o Bacharelato. Na actualidade, o instituto acolle tamén a extensión da Escola Oficial de Idiomas en Sarria.
Con respecto ao IES Xograr, que conta hoxe con 380 alumnos e 46 profesores, leva desde o ano 2011 baixo a dirección de José Manuel Valcarce López, quen foi alumno, profesor e, desde hai 15 anos, director do centro. O primeiro día de clase no instituto, o 7 de novembro de 1975, el non estaba aí, “xa que tiña dous anos”, detalla, pero sabe que aquel edificio se adaptou para poder poñer en marcha as ensinanzas. Agora, co paso dos anos, “temos unhas instalacións marabillosas e que teñen absolutamente de todo”. Así, comenta Valcarce que este “foi un dos primeiros centros da provincia que contou con aulas dixitalizadas e, hoxe en día, seguen renovándose continuamente”.
Con esa filosofía de traballo comezou a súa andaina como director no ano 2011, sendo o seu obxectivo “potenciar unha convivencia máis positiva e que fora un centro agradable e amable para quen vén. E iso conseguímolo dotando ao centro de comodidades que ao mellor noutros centros non son habituais de ver. Temos sofás nas entradas, espazos de lecer para o alumnado, elementos para que poidan diversificar as actividades nos patios, como futbolíns, unhas mesas de ping pong, un campo de volei praia, ou distintos xogos gramados no chan; tamén contamos cun ximnasio incrible que serve para actividades doutras asociacións da vila , un pavillón compartido co IES Gregorio Fernández, unha biblioteca recén renovada e ampliada que chama a atención, e decoracións a base de murais en distintos espazos do centro que ademais de decorar promoven valores positivos... E todo iso para poñerlle unha boa cara ao centro porque vai ligado ao noso carácter. Nesa liña, sempre temos as portas abertas e todo acristalado, así vémonos todos e saudámonos. É o que nos define: a amabilidade e a boa convivencia”.
Esa convivencia vese tanto no profesorado como no alumnado: “O claustro muda ano a ano e a xente pode pensar que iso é algo negativo para seguir impulsando os proxectos que temos en marcha, pero non é así, porque hai unha cultura de pertenza ao centro, unha forma de facer e unha ilusión que se transmite de uns a outros, e todo iso une, por iso á xente apetécelle participar dos proxectos, tanto ao profesorado como ao alumnado. E iso é a clave do éxito do centro”, pon en valor.
OS PROXECTOS DE CENTRO
O centro participa en moitos proxectos posibilitados pola Consellería de Educación e outros, como o de Centros Referentes e INNOVALAB. “É un dos que máis orgulloso me sinto”, di José Manuel, xa que nos permite desenvolver co alumnado moitas actividades para potenciar a inclusión, a convivencia, a sostibilidade, a competencia matemática, etc. Tamén participan nun programa, desde hai 7 anos, que se chama ‘Educación Responsable’ da Consellería de Educación en colaboración coa Fundación Botín, e que busca un crecemento dos nenos non só no sentido académico, senón en todos os ámbitos da vida, potenciando a educación emocional, o talento e a creatividade. Ademais, “tamén estamos metidos nos proxectos europeos. O ano pasado obtivemos o primeiro proxecto europeo de Erasmus+ e este ano vimos de acadar outro de formación profesional, e queremos ter unha acreditación permanente Erasmus +”.
E, despois, subliñan outros moitos pequenos proxectos propios do centro, como o programa ‘En bici ao xograr’, que recibiu moitos premios e que “manifesta dúas liñas de traballo referentes do centro, que son é a saúde e a sostibilidade”, destaca. Así, implicaron neste proxecto a Concello de Sarria, Deputación, Xunta de Galicia, así como outras entidades que colaboraron nesta iniciativa. Con respecto aos premios recibidos, o director do centro expresa que “son interesantes, porque poñen en valor e reflicten o traballo que hai detrás de cada proxecto, e, á vez, dan unha satisfacción, aínda que o traballo non o fagas polo premio”, explica.
Por outro lado, pon en valor o ciclo de formación profesional de atención a persoas en situación de dependencia, xa que “fomenta a inclusión e a convivencia entre o alumnado do centro”. Así, recoñece que ás veces os pais teñen “medo” de xuntar aos pequenos de 1º da ESO cos de Bacharelato ou cos estudantes de ciclo, pero “eu sempre lles digo que as problemáticas de convivencia xorden entre iguais. Realmente, persoas con diferenzas de idade tan amplas non teñen moito contacto no centro, agás cando promovemos nós actividades interxeracionais. Por exemplo, no ciclo, os profesores deseñan actividades para traballar con nenos, e, ás veces, invitamos ao alumnado da EEI Xela Arias ou do CEIP Frei Luís de Granada a facer actividades, e traballan conxuntamente nenos con alumnos que nalgúns casos podían ser os seus pais. A aprendizaxe é moi potente para o alumnado, e os pequenos desfrutan un montón. Polo que ter idades tan diversas non é un problema, é unha vantaxe”, sentenza.
A DIVERSIDADE
Con respecto ao alumnado, o director do IES Xograr destaca que “hai unha evolución moi grande na cantidade e na tipoloxía de alumnado desde a súa fundación ata o día de hoxe. “Cando eu comecei neste instituto como alumno, no ano 86, todos eramos nados en Sarria e na contorna. No 2001, xa como profesor, tamén había moitísimo alumnado do rural, xa que dos colexios de Samos, O Incio ou de Triacastela viñan facer aquí a ESO e Bacharelato entre 35-40 alumnos cada curso; mentres que hoxe veñen 5 ou 6 alumnos entre os tres concellos. E isto pasa polo despoboamento que hai no rural. Porén esa falta de alumnado hoxe está compensada pola inmigración. Houbo algunhas vagas importantes e nas dúas primeiras décadas deste século, pero penso que agora estamos nun período de crecemento exponencial”.
Así, explica que todas as semanas hai novos alumnos para a escolarización, procedentes sobre todo de Latinoamérica, pero tamén de Marrocos e doutros países. “Neste momento, está chegando moitísima xente de Cuba. Entre o curso pasado e este incorporáronse arredor de catorce alumnos cubanos. Isto implica, dalgunha maneira, un enriquecemento cultural moi potente, pero tamén unha gran necesidade de traballo e esforzo na integración. A integración sempre xera dificultades, sobre todo cando o alumnado non coñece ningunha das nosas linguas oficiais. No caso do alumnado de Marrocos, na maioría dos casos non é só que non coñezan o galego, senón que tampouco falan castelán. Por iso, temos que establecer períodos de adaptación e realizar un esforzo moi importante por parte do profesorado, habilitando horas extra para ofrecerlles o máximo tempo posible na aprendizaxe das linguas, porque se non hai lingua, non hai integración”, aclara.
Ademais, tamén apunta á necesidade de atención ás necesidades especiais de cada persoa. “Cada estudante precisa unha atención individualizada. Xa non se trata de estar nunha aula onde o profesor imparte unha clase maxistral lanzando coñecementos, senón que agora debemos facer múltiples adaptacións e axustarnos á realidade que temos, sen deixar a ninguén atrás, que é algo fundamental. Cando eu estudaba, quen chegaba, chegaba, e quen non, quedaba atrás. Iso cambiou completamente, e agora intentamos, por todos os medios, que cheguen, ou polo menos que alcancen o máximo posible en cada caso”.
"Eu sempre digo que se pode ser director e ser feliz"
O FUTURO
José Manuel Valcarce xa fixo 15 anos como director e vén de presentar, o ano pasado, outro proxecto de centro para seguir sendo director, polo que, polo menos, lle quedan outros catro. “Cada vez que lle digo a outros directores que levo 15 anos no cargo, botan as mans á cabeza. Gústame dicirlles que se pode ser director e ser feliz. As direccións estamos moi cargadas de traballo e implica unha dedicación 24/7, pero o máis importante é ter ilusión e centrarse en todo o bo que podemos facer. O ano pasado pensei que quizais o centro necesitaría un cambio, pero o claustro empurroume a seguir e me apoia no meu traballo, así como nas iniciativas que propoño. Hai que seguir cambiando, evolucionando e poñendo cousas en marcha”.
Con respecto ás necesidades de cara ao futuro, o director sostén que “necesidades temos moitas, pero estamos ben dotados de instalacións e de profesorado. Aproveitamos ao máximo os recursos que temos. Organizamos o centro sempre tratando de atender a todos. Sen dúbida, temos proxectos para seguir mellorando aspectos, pero son cousas que non son urxentes. Contamos cunhas instalacións magníficas e, en canto ao profesorado, estamos cubertos. Non nos sobra nada, pero tampouco nos falta nada”.
Por iso, a visión de futuro é que “o centro continúe nesta fase de ascenso progresiva, ano a ano, paso a paso, e que se manteña así, ou polo menos que non diminúa. Para min, iso xa sería un éxito importante, porque creo que é un centro que acadou un éxito notable”, pon en valor José Manuel Valcarce, quen lembra que o ano pasado estiveron no Congreso de Inclusión e Benestar para expoñer boas prácticas do centro. “Recoñécennos en moitos ámbitos. Como director, persoalmente, formo parte da Xunta autonómica de directores, que representa aos directores de toda Galicia, e convídanme a charlas e formacións para directores desde hai sete anos. Hai moito traballo detrás, penso que ben feito, e mantelo, creo que é moi importante. De todos modos, sempre hai que mirar cara a arriba, porque se non, é cando empezamos a baixar. Queremos seguir mellorando como centro, avanzar sobre todo nos proxectos europeos que brindan grandes oportunidades aos nosos rapaces, e aproveitar calquera oportunidade para seguir implementando outros proxectos e que o noso alumnado recolla finalmente eses réditos e beneficios. E non só dentro do noso centro, senón tamén que sirva como referencia para outros”, conclúe.