Apecsa convoca o seu certame pola divulgación do Camiño de Santiago

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA) convoca o X Premio Internacional de Divulgación do Camiño de Santiago.
premio apecsa camino
25 Jul 2023

A Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa) convoca o X Premio Internacional de Divulgación do Camiño de Santiago, que distinguirá ao mellor traballo ou acción de difusión e promoción da ruta e os valores xacobeos no ano anterior ao desta convocatoria (2022) e no primeiro semestre deste ano 2023.

A Xunta Directiva de Apecsa dedica esta Edición, in memoriam, a Ramón Irago Silva (Moldes, Melide 1940 – Santiago de Compostela 2023), membro da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa), mestre, pintor, dinamizador, divulgador e defensor dos valores do Camiño de Santiago.

Poderán presentarse obras e iniciativas de divulgación, promoción e protección do Camiño de Santiago e dos seus valores en libros, publicacións, traducións, producións audiovisuais, series en calquera soporte, exposicións, congresos, xornadas, encontros e/ou accións realizadas por institucións e persoas físicas ou xurídicas, en defensa e beneficio do Camiño de Santiago.

As propostas deberán enviarse ata o día 5 setembro de 2023, ao correo-e: xornalistas.caminodesantiago@gmail.com ou dirixirse a: Apecsa, Rúa Castrón Douro, 20, (15703 - Santiago de Compostela).

O Premio, igual que nas edicións anteriores, non ten dotación económica e o/a ganador/a recibirá unha escultura, Harmonía, do lucense Luís Loureira e un diploma acreditativo. Na edición de 2022, o Premio foi para a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés e na de 2021, para a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

No ano 2020 o ganador do Premio foi o grupo musical A Quenlla e, en 2019, as Universidades de Santiago de Compostela e de Cagliari (Italia). O Parlamento de Galicia foi premiado en 2018 e nas dúas edicións anteriores, 2017 e 2016, os premiados foron, respectivamente, Segundo Pérez, daquela, deán da Catedral de Santiago, e a revista Peregrino, editada pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño. Javier Gómez-Montero, catedrático de Literaturas Románicas da Universidade alemá de Kiel, foi premiado na edición de 2015, despois do recoñecemento á Editorial Bolanda pola edición de “La Gran Enciclopedia del Camino de Santiago”.

A Asociación convocante, Apecsa, constituída en 1992, é unha das máis veteranas no seu ámbito e a ela pertencen xornalistas, escritores, historiadores e estudosos do Camiño de Santiago.

Consulta as bases neste enlace.

0.14863014221191