Aprobada a moción para pedirlle ao Goberno central que impulse o polígono do Morelle de Sarria

A Comisión de Vivenda e Axenda Urbana do Senado aprobou unha moción que insta ao Goberno de España a impulsar de inmediato a urbanización da segunda fase do polígono industrial de Morelle en Sarria.
A iniciativa, proposta do Grupo Parlamentario Popular, foi aprobada a pesar da abstención do PSOE, algo que José Manuel Balseiro considera "incomprensible", xa que Sarria é unha das localidades máis afectadas pola falta de solo industrial.
Así, critica que o PSOE “presentase unha emenda inconcreta e pouco crible obviando a demanda existente de solo industrial no municipio” toda vez que “vincula a ampliación do polígono á constatación da existencia da demanda necesaria para a adquisición dunha parte significativa das novas parcelas”.
A ese respecto, o senador popular pregunta ao PSOE que cantidade consideraría unha parte significativa e criticou a súa intención de “deixar a decisión final sobre a ampliación a vontade do Goberno de Sánchez que xa vimos que non ten moita intención de acometer a obra ou xa o tería feito nosúltimos sete anos”.
Así mesmo, subliña que “o Goberno é coñecedor da demanda de parcelas e aínda así mantén bloqueada a ampliación desta área empresarial provocando unha sangría de negocios que se marchan a outros polígonos” e "prexudicando gravemente" o desenvolvemento económico e a creación de emprego na comarca.
O popular sinala que sería “moi pouco eficiente” facer “o traballo técnico sen un estudo de demanda do solo no municipio”; á vista de que o proxecto de urbanización da segunda fase está redactado e aprobado definitivamente, segundo o propio Executivo recoñeceu en resposta parlamentaria.
A pesar diso, SEPES -a entidade pública dependente do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana- non ten previsto iniciar as obras, mentres si promove actuacións similares noutros territorios. Hai que lembran que a primeira fase do polígono atópase completamente ocupada e non hai parcelas dispoñibles para novas empresas, malia que a demanda existe e segue medrando.
Balseiro denunciou que o Goberno leva anos prometendo a ampliación do polígono sen cumprir e lembra que tanto o delegado do Goberno en Galicia en 2020 como o propio alcalde da vila deran por feita esta actuación. “Máis de catro anos despois, seguimos esperando polas máquinas. Non hai ningunha xustificación técnica nin legal que impida executar a obra: só falta vontade política”, critica.
A moción aprobada, que fora presentada polo senadores do PP lucense, insta ao Goberno a urbanizar canto antes a segunda fase do polígono de Morelle e a comercializar as parcelas resultantes, poñéndoas á disposición de empresas e emprendedores. Unha medida urxente para frear a fuga de empresas cara outros concellos e recuperar o dinamismo económico da zona.