Aprobada definitivamente a normativa sobre protección e tenencia de animais en Sarria

A ordenanza que regula a protección e a posesión de animais do Concello de Sarria foi aprobada definitivamente despois de non recibirse alegacións tras a súa aprobación no pleno celebrado o pasado outubro. A normativa quedará en vigor 15 días despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
O texto establece un réxime sancionador, cunhas multas que van desde os 100 ata os 500 euros por non recoller as feces ou non limpar a urina das mascotas. En xeral, os animais deberán circular polas rúas con correa, aínda que o Concello poderá determinar horarios e zonas específicas de lecer nas que poidan ir soltos, sempre baixo responsabilidade dos seus donos. Tamén se indica que os responsables deberán recoller de inmediato as deposicións e adoptar medidas para evitar que mascotas ensucien rúas e espazos públicos, recomendando levar auga para reducir o impacto dos ouriños, e prohibindo que defequen en parques ou xardíns de uso infantil.
A ordenanza clasifica as infraccións en leves (100-500 euros), graves (501-5.000 euros) e moi graves (5.001-30.000 euros). Considérase leve, por exemplo, regalar animais como premios en eventos, non recoller as feces, non levar auga con limón ou bicarbonato para neutralizar ouriños, non evitar que accedan libremente a vías públicas ou privadas ou alimentar animais sen dono ou salvaxes. Son graves as condutas de maltrato, non identificar aos animais, non adoptar medidas para evitar a súa reprodución descontrolada ou abandono. As moi graves inclúen maltrato que cause a morte ou lesións incapacitantes, organización de pelexas ou festas con crueldade, mutilacións ou tenencia de animais salvaxes en circos.
Os propietarios de cans e gatos que saian habitualmente do fogar deberán identificalos mediante microchip e inscribilos no rexistro municipal. Ademais de subliñar a importancia do coidado das mascotas, a normativa prohíbe deixar aves ou outros animais en patios, terrazas, galerías e balcóns entre as doce da noite e as oito da mañá, cando poidan alterar o descanso ou a tranquilidade dos veciños.
A normativa tamén regula os gatos ferais, establecendo a implantación de colonias felinas controladas mediante o método CER (captura, esterilización e retorno) para mantelos baixo control. En canto aos animais sen propietario, prohíbese alimentalos sen autorización municipal, unha medida que se estende a calquera especie salvaxe (pombas, ratos, paxaros, raposos, xabarís…) que estea en espazos públicos ou privados cando poida ocasionar molestias, danos ou riscos para a saúde pública.