Aprobadas en pleno dúas iniciativas do Goberno local de Camiña Sarria

O pleno municipal do mes de febreiro de Sarria acordou instar á Consellería de Política Social e Igualdade a incrementar os importes máximos das axudas do Plan Corresponsables para 2025, unha moción presentada polo grupo de Goberno, Camiña Sarria e que foi apoiada por BNG e PSOE.
Desde o Goberno local, representado neste caso pola concelleira de Políticas sociais, Isabel Vergara, defenderon que a diminución das axudas fai que o Concello teña que asumir un custo de máis de 100.000 euros.
Ademais, Camiña Sarria presentou unha segunda proposta para pedirlle á Xunta a desafectación e traspaso ao Concello as vivendas dos mestres do CEIP Frei Luis de Granada, que tamén foi apoiada polo BNG e o PSOE.
Así, o concelleiro César No sostivo que xa teñen a documentación preparada para a desafectación, pero sostivo que "ten que ser con garantías de entrega, en condicións dignas".
Pola súa parte, os populares, que non apoiaron estas dúas propostas, tampouco conseguiron o apoio suficiente para que saísen adiante as súas. Así, con respecto á iniciativa pedindo a mellora da praia fluvial e a área recreativa do Chanto, o alcalde, Claudio Garrido, sostivo que "non é unha obra que poida asumir o Concello, xa que está en dominio público hidráulico".
Con respecto á proposta popular na que pedían o mantemento das infraestruturas viarias municipais, tampouco foi apoiada e desde o Goberno local sostiveron que en 2024 se investiron 1,2 millóns de euros no mantemento das estradas.
Con todo, no pleno aprobouse unha modificación da ordenanza das terrazas para facilitar a tramitación ao sector hostaleiro.