Aprobado o convenio de colaboración para achegar 50.000 euros ao matadoiro de Sarria

SarriaXa
O acordo da Deputación de Lugo busca garantir a continuidade da xestión pública desta instalación estratéxica para o sector cárnico da comarca
matadoiro-Sarria
4 Apr 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou un convenio de colaboración co Concello de Sarria para o financiamento do matadoiro municipal cunha achega de 50.000 euros.

O acordo, impulsado pola Vicepresidencia e a área de Rural da Deputación, busca garantir a continuidade da xestión pública desta instalación estratéxica para o sector cárnico da comarca.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou que con este convenio "cumprimos co compromiso adquirido co Concello de Sarria e co resto dos municipios da comarca para colaborar no financiamento do matadoiro". Ademais, subliñou a importancia de manter a xestión pública deste servizo esencial para a veciñanza e o sector gandeiro.

Castro sinalou que a Deputación completou o procedemento coa "máxima dilixencia posible" para que o Concello poida realizar as xestións relativas ás taxas. Neste sentido, instou a outras administracións que anunciaron investimentos na instalación a cumprir "de forma dilixente co comprometido".

A Deputación de Lugo xa expresara a súa vontade de colaborar no mantemento do matadoiro durante unha reunión celebrada no pasado mes de novembro no Pazo de San Marcos, onde Castro se reuniu con alcaldesas e alcaldes da comarca de Sarria. Nesta xuntanza, establecérase que o apoio económico da Deputación estaría ligado á continuidade da xestión pública do servizo.

⚙ Configurar cookies
0.15837287902832