Aprobado o trazado final do treito Nadela-A Pobra de San Xiao da autovía entre Lugo e Sarria

LugoXa | SarriaXa
O proxecto, cun investimento de 37,4 millóns de euros, permitirá culminar a transformación do corredor Nadela-Sarria en vía de alta capacidade no horizonte de 2026
autovia-lugo-sarria
14 Oct 2025

A Xunta de Galicia aprobou definitivamente o proxecto de trazado que permitirá culminar a conversión do corredor Nadela-Sarria (CG-2.2) nunha autovía de alta capacidade, completando así a conexión directa entre Lugo e Sarria.

O Consello da Xunta deu luz verde ao proxecto e ao estudo de impacto ambiental do treito Nadela-A Pobra de San Xiao, que atravesa os concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo, cun investimento total de 37,4 millóns de euros. Este tramo, de 13,5 quilómetros, completarase coa autovía xa en servizo entre A Pobra de San Xiao e Sarria, de 9,7 quilómetros, inaugurada en novembro de 2022 tras unha inversión de 25 millóns.

O novo percorrido comeza na glorieta de Nadela, de titularidade estatal e conectada coas autovías A-6 e A-54, así como coas estradas N-VI, LU-11 e LU-546, e remata no enlace da Pobra de San Xiao. A nova calzada discorrerá paralela á existente pola marxe esquerda da CG-2.2 en sentido Lugo, e incluirá intervencións singulares como os enlaces do Corgo (quilómetro 5+200) e Maceda (quilómetro 10+500), xa preparados para a futura sección de autovía, ademais dun paso inferior baixo a autovía A-54.

O proxecto contempla tamén a construción de dous viadutos paralelos aos actuais sobre os ríos Chamoso e Neira, a ampliación de 13 pasos superiores, a prolongación doutros sete inferiores, e a execución de 11 obras de drenaxe transversal. Engádense dous muros de contención e axustes nos enlaces co tramo xa finalizado para garantir a continuidade da vía.

A futura autovía, que se denominará AG-22, permitirá reducir o tempo de viaxe entre Lugo e Sarria e facilitar adiantamentos con maior seguridade grazas ás dúas calzadas con dous carrís por sentido e unha velocidade máxima de 120 km/h. Segundo destacou o presidente, esta mellora beneficiará a toda a poboación da área, ademais dos transportistas que utilizan este corredor de forma habitual.

A aprobación definitiva do proxecto implica tamén a declaración de utilidade pública, o que posibilitará a ocupación urxente dos 80 predios necesarios para executar as obras.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a supervisar o proxecto construtivo, que será licitado unha vez aprobado e as obras comezarán no ano 2026, contando cun prazo de execución de 30 meses.

REACCIÓN DESDE O GOBERNO LOCAL DE LUGO

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, expresou a súa “fonda preocupación” polo novo atraso na execución da autovía Nadela–Sarria, unha infraestrutura que definiu como “fundamental para o desenvolvemento económico e social da cidade e da súa área de influencia”.

Segundo as últimas previsións, a obra non estará rematada, como mínimo, ata o ano 2028, dous anos máis tarde do prazo comprometido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que situaba a finalización en 2026.

Fernández lembrou que, mesmo cumpríndose ese prazo, a execución xa chegaba tarde, pois “a conversión completa deste corredor en autovía acumula máis dunha década de atraso” e supón, segundo dixo, “unha mostra evidente da falta de vontade política da Xunta coa provincia de Lugo”.

“Falamos dunha vía estratéxica para a mobilidade, para a competitividade económica e para a cohesión territorial. Non é só unha autovía: é unha ferramenta clave para o desenvolvemento da nosa cidade e para garantir a igualdade de oportunidades dos lucenses”, sinalou o rexedor, quen tamén criticou “a lentitude incomprensible coa que o Goberno galego está a executar os traballos”.

O alcalde lembrou que, nos últimos trece anos, a Xunta só puxo en servizo once quilómetros de autovía na provincia de Lugo, concretamente no corredor Lugo–Sarria, “que segue inacabado e sen data certa para a súa conclusión”. Fernández advertiu de que “os datos son tan claros como preocupantes: máis dunha década de atraso e investimentos mínimos que impiden o avance real dunha infraestrutura esencial”.

Segundo o mandatario local, a dotación orzamentaria prevista pola Xunta “resulta insuficiente para un proxecto que debería ser prioritario e precisa avanzar a un ritmo moito maior”. Engadiu que o último quilómetro de vía desdobrada en servizo na provincia remóntase a 2010, co tramo Cabreiros–Vilalba, “licenciado e executado por un goberno socialista, o que demostra quen cre realmente nas infraestruturas desta provincia”.

O rexedor lucense advertiu de que este novo atraso “supón un agravio comparativo para Lugo respecto doutras zonas de Galicia, tanto polo impacto económico como pola incidencia na mobilidade”. “A nosa cidadanía e o noso tecido produtivo levan demasiado tempo soportando as consecuencias deste esquecemento, e non é xusto que Lugo siga sendo a provincia á que sempre lle toca esperar máis”, afirmou.

Fernández asegurou que o Concello de Lugo mantén “unha actitude de colaboración e lealdade institucional”, pero lembrou que “esa lealdade debe ser recíproca”. “Non se trata de competir entre administracións, senón de cooperar con responsabilidade, de poñer por diante o interese xeral e de impulsar proxectos que repercuten directamente na calidade de vida dos lucenses”, destacou.

O alcalde concluíu facendo un chamamento á Xunta de Galicia para que “impulse con decisión todos os proxectos comúns co Concello de Lugo, especialmente aqueles que son fundamentais para mellorar as comunicacións, a mobilidade e o desenvolvemento económico da cidade”. “Lugo merece respecto, merece investimento e merece feitos, non anuncios que se van pospoñendo ano tras ano. A autovía Nadela–Sarria non pode seguir agardando. É o momento de actuar con responsabilidade, cumprir os compromisos e deixar de penalizar a esta provincia coa falta de dilixencia e planificación”, rematou.

⚙ Configurar cookies
0.066496133804321