Aprobados de despacho

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O pupitre é a sección do mestre Julio Díaz no que trata os temas de actualidade no ámbito educativo cun toque persoal
julio diaz foto colaborador lugo
4 Aug 2022

Por Julio Díaz

Cada alumno aprobado nun despacho sen merecelo supón un docente desautorizado, un Departamento menosprezado e un Claustro desprestixiado.

Por desgraza e cada vez con máis frecuencia, esta forma de desautorizar a un profesor, a un Departamento e a todo o Claustro de profesores desde un despacho non son casos que ocorran illadamente senón unha tendencia iniciada hai varios anos e que non deixou de potenciarse e estenderse grazas ao boca a boca de determinados proxenitores que alardean da “fazaña”.

A marabunta normativa e máis aínda a falta de claridade e concreción da mesma respecto á avaliación do rendemento académico serven para que a Administración Educativa mellore nun despacho as notas asignadas polos docentes aos seus alumnos. Non importa o que o raparigo escriba no exame, agárranse ao que sexa: falta de criterios claros e concisos, mala ponderación, escasa ou falta de publicidade do proceso, descoñecemento do alumnado ignorando a nosa  Admón.  que a ningún de nós nos agrada suspender aos nosos alumnos,  xa que no fondo non deixa de ser un fracaso no noso traballo, pero de todos é coñecido que temos alumnos nas nosas aulas que non saben facer un O cun canoto e non está nada ben que os nosos superiores sen ter en conta as probas realizadas polo alumno, nin o seu traballo ao longo do curso, busque defectos burocráticos para xustificar unha corrección das súas cualificacións. Non debería ser unha cuestión de papeis, debe cinguirse a se o alumno sabe ou non sabe.

Se un alumno presenta unha reclamación da súa nota o departamento desa materia debe reunirse e analizar o traballo realizado por el decidindo se a cualificación outorgada debe ou non modificarse, sendo o normal que a nota se manteña, xa que o 95% das protestas carecen de fundamento e a maioría delas son unha falta grave á dignidade dun profesional; a algún proxenitor teríaselle que caer a cara de vergoña por promover determinadas reclamacións.

Ocorre nos últimos tempos que moitos pais profesionalizáronse, coma se de empresas de reclamación de multas se tratase, en solicitar a revisión das cualificacións dos seus vástagos, escudriñando as normas ao límite legal, sen darse conta que a nota que a Administración regala ao seu fillo é un dardo envelenado que inculca unha mala lección con consecuencias negativas para o seu futuro académico, profesional e persoal. Este alumno despois de gañar a batalla dáse conta que hai maneiras de prosperar con atallos e trucos que non lle esixen esforzo nin tesón, mentres que os seus compañeiros para conseguir o mesmo tiran de traballo, constancia e tenacidade.

Debemos non só os docentes, senón toda a sociedade esixir á Administración Educativa respecto polo noso traballo e debemos trasladarlles que o profesorado entre tarefas administrativas, xestións e reunións vémonos obrigados, a maioría das veces, a dedicar máis tempo ao estudo de normas absurdas e arbitrarias que a preparar as nosas clases. Os docentes só pedimos iso, poder impartir clases sen interferencias nin presións no noso traballo.

Finalizar pedindo á Administración Educativa que se deben valorar as reclamacións dos nosos alumnos, máis que deles dos seus papás, con criterios académicos e non formais. Que antes de aceptar unha reclamación débese demostrar que se superaron os obxectivos da materia e non centrarse en se faltaba a publicidade dun “criterio”, un selo ou un formulario estaba incompleto.     


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16099882125854