Aprobáronse dúas mocións propostas polo PP no último pleno de Sarria
O pleno de Sarria acabou con diversos acordos entre os partidos políticos representados na Casa do Concello, así como tamén algúns reproches entre os asistentes.
Con respecto aos acordos, o PP conseguiu unir aos catro partidos con representación, que votaron a favor da moción popular para crear, sinalizar e dar a coñecer o románico do municipio de Sarria.
Carmen José López, portavoz do PP, insistiu durante o pleno en que esta iniciativa servirá para atraer visitas e que o turismo deixe de ser estacional, é dicir, que haxa durante todas as épocas do ano; así como promover ampliar a estancia dos peregrinos e estender este éxito turístico a outros municipios polos que pasa o Camiño Francés.
Así, o BNG apoio a iniciativa, xa que eles tamén levaban esa proposta no seu programa, pero engadiron que se deberían organizar tamén visitas guiadas ao patrimonio románico. Mentres, o PSOE tamén votou a favor e reclamou paquetes turísticos.
Pola súa parte, Camiña Sarria, que votou a favor, quixo sinalizar que o portal de turismo do Concello difunde 20 igrexas románicas da zona e que están traballando na sinalización e experiencias a través de tecnoloxía.
Máis temas no pleno
O PP tamén conseguiu que se aprobara a súa moción para elaborar un plan de reparación e mantemento de beirarrúas por motivos de seguridade, que foi apoiada por toda a oposición e contou coa abstención de Camiña Sarria.
Pola súa parte, a moción do Goberno local co decálogo de necesidades para Sarria foi denominada como “unha chamada de atención” e foi aprobada porque nin sequera deu opción a votala. Así, a oposición pediulle a Garrido que “se dedique a traballar e presentar proxectos ante as administracións se quere conseguir obxectivos, en vez de escribir cartas aos Reis”.
Por último, o Concello aprobou a solicitude dunha subvención da Consellería de Promoción do Emprego e da Igualdade para o Centro de Información á Muller.