Apróbase a moción popular para mellorar os semáforos da vila de Sarria

SarriaXa
Durante a sesión plenaria, aprobouse tamén o contrato eléctrico para incluír os gastos enerxéticos da piscina climatizada, a residencia de maiores e luminarias
Concello-de-Sarria
27 Sep 2024

O pleno de Sarria do mes de setembro tratou diferentes asuntos relacionados co municipio. Así, aprobouse a modificación do contrato de subministración e servizos con investimento suxeita a regulación harmonizada dos servizos enerxéticos do alumeado exterior e dos edificios.

Concretamente, foi aprobado o contrato eléctrico para incluír os gastos enerxéticos da piscina climatizada, a residencia de maiores e dispositivos de iluminación cos votos a favor de Camiña Sarria e o BNG, grupo desde o que sostiveron que era un contrato “positivo” e cunha importante subvención que promoverá aforro enerxético e un bo servizo.

Pola súa parte, Carmen José López, portavoz popular, votou en contra e sostivo que o procedemento foi unha “chapuza”, argumento que compartiu co partido socialista, que se abstivo.

Tamén se aprobou a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación dos servizos da escola municipal de música cos votos a favor de Camiña Sarria, BNG e PSOE e despois de rexeitar unha alegación dunha veciña que instaba a bonificar os prezos aos membros da Banda Música, co argumento de darlle igualdade de trato aos membros de todas as asociacións.

Por outra parte, aprobouse a moción do Grupo Municipal do Partido Popular sobre deficiencias no funcionamento dos semáforos da vila, conseguindo o apoio e votos e favor do BNG e do PSOE, mentres que o Goberno local, neste caso representado polo concelleiro Félix Seijas, explicou que os semáforos do cruzamento de Matías López e Formigueiros non están avariados, senón que a Policía Local recomendou poñelos en ámbar para mellorar a fluidez.

Con respecto á moción do PP para que se adopten medidas en relación aos servizos ferroviarios na estación do tren de Sarria e que o alcalde lle esixa ao Goberno central contar de novo coas frecuencias que tiña antes da pandemia, esta contou cos apoios dos concelleiros populares e o BNG, pero non cos do PSOE, que votou en contra, e os de Camiña Sarria, que se abstivo.

Pola súa banda, tamén se aprobou a moción do BNG, cos votos en contra do PP e os votos a favor dos demais partidos, para o rexeitamento da subida do canon de Sogama para os Concellos en 2025 e por un novo modelo de xestión de residuos. Tanto o PSOE como Camiña Sarria consideran que a suba “é inaceptable”, xa que en Sarria suporá unha diferenza de 130.000 euros ao ano.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13807892799377