Apróbase a ordenanza de mascotas e a moción do PP en favor dos maiores

O pleno ordinario do Concello de Sarria, celebrado na tarde do xoves 31 de outubro, aprobou unha ordenanza municipal para a protección e tenza de animais no municipio, unha normativa que saíu adiante coa abstención dos grupos da oposición.
O texto foi sometido previamente a un período de consulta pública dun mes sen que se rexistrasen suxestións, e tras esta aprobación inicial abrirase agora un prazo de exposición pública para que a cidadanía poida presentar alegacións.
Entre as medidas contempladas figuran a obriga de limpar os ouriños dos cans, recoller os excrementos, circular pola vía pública con correa ou a implantación de colonias felinas. A ordenanza tamén establece un réxime sancionador con multas que oscilan entre os 100 e os 30.000 euros, segundo a gravidade da infracción.
O pleno abordou igualmente dúas mocións presentadas polo Partido Popular. A primeira, dirixida a instar ao Concello a elaborar unha estratexia integral contra a soidade non desexada e a favor do envellecemento activo, foi aprobada a pesar da abstención do resto dos grupos, que lembraron que esta competencia recae na Xunta de Galicia.
Un debate similar xurdiu coa segunda moción do PP, na que se pedía poñer en valor a Ponte da Áspera. Nesta cuestión, o PSOE abstívose mentres que o BNG e Camiña Sarria votaron en contra, defendendo que Turismo da Xunta xa está a executar unha intervención que os nacionalistas cualifican de “incompleta”. A concelleira de Camiña Sarria, Reyes Abella, incidiu en que existía un proxecto estatal valorado en 230.000 euros para unha rehabilitación integral, que non se levou a cabo ao quedar deserto o concurso, e reclamou que a Xunta execute esa restauración total.