Apróbase o Plan Económico-Financeiro de Claudio Garrido coa abstención do Partido Popular

O Goberno local de Sarria convocou un pleno extraordinario para someter á consideración do Concello o Plan Económico-Financeiro 2025-2026, que ascende a 1,5 millóns de euros. Este xerou un intenso debate no pleno, coa oposición do BNG e do PSOE e as matizacións do PP, mentres o alcalde defendeu as medidas propostas.
Desde a oposición, todos os partidos políticos defenderon que “é nunha situación á que nunca se debeu chegar” e que o plan “é consecuencia dunha xestión do Goberno local a pesar de ter a man tendida en todo momento”.
O BNG votou en contra e o seu portavoz, Efrén Castro, explicou: “Chegamos a esta situación por gobernar sen facer caso ás normas de estabilidade financeira. Os servizos técnicos xa nos informaran de que se estaba a producir este escenario. O plan de axuste é unha consecuencia da forma de gobernar e, en vez de aforrar, aforramos 60.000 euros en festas”. Sobre o matadoiro, sinalou que “propoñen reducir o gasto cambiando a xestión de maneira indirecta, pero para reducir o 100% do gasto sería preciso pechalo, polo menos ata que non o asuma a nova xestión”. Ademais, criticou as propostas de recorte na Policía Local: “Non nos parece razoable baixar o custo nun servizo que garante a seguridade. E despois, nun ano, queren subirlle as taxas aos cidadáns, como a do lixo ou o imposto de circulación. A man tendida tivérona desde que chegamos a este punto. Non se pode cargar enriba dos cidadáns 1,5 millóns de euros, non é razoable”.
Pola súa banda, o PSOE foi máis aló e o seu portavoz, Benjamín Escontrela, reclamou a dimisión do alcalde, Claudio Garrido, pola “súa nefasta xestión, que propón un atraco a man armada aos veciños de Sarria. Nós votamos non a este plan porque é un abuso. Xa sabiamos que isto ía pasar e a portavoz do PP xa avisara de que podería haber unha posible intervención. E vostede quere arranxalo subindo as taxas, mentres a veciñanza está asustada”.
Desde o PP, a portavoz, Carmen José López, subliñou que “as subas do lixo non son asumibles tal e como se plantexan. Fomos o único partido que pediu sentarse e buscar solucións, porque somos un partido responsable. Non somos o do ‘non’ sistemático; todos sabemos como chegamos ata aquí e hai que procurar solucións. Se este plan non se aproba, a alternativa sería un corralito municipal e a intervención de Facenda do Goberno de España, o que tería consecuencias graves: constitución dun depósito a cargo dos sarriaos, bloqueos de crédito e parón nos servizos públicos”. Destacou que “non imos votar si, pero tampouco imos empurrar Sarria ao abismo. Hai un interese superior, que é sacar a Sarria desta situación para que o concello saia adiante”. En relación co matadoiro e a residencia, indicou que “hai alternativas e exixiremos modificacións ao plan, pero unha intervención do ministerio suporía unha maior suba de impostos e a supresión de servizos que non son competencia do concello”.
Finalmente, o alcalde Claudio Garrido defendeu o plan económico e comparou a situación con outros concellos: “O plan recolle subas como se fan noutros concellos, como Lugo, onde se incrementaron 4 millóns de euros os impostos. Temos que facer fronte aos gastos como outros municipios. Nunha xestión municipal hai que controlar o gasto e garantir que os ingresos sexan suficientes para prestar servizos aos cidadáns”. Sobre o matadoiro, aclarou que “non se fala de peche, senón de externalizar o servizo ou de cubrir o seu custo con diñeiro público. A Deputación ofreceuse desde o primeiro momento con 50.000 euros durante catro anos, e tamén necesitamos a subvención da Xunta”.
Garrido explicou que, aínda que se fala dunha suba de 1,5 millóns de euros, “o cidadán realmente terá que aportar 648.000 euros. Tamén haberá que axustar o IBI, porque os valores catastrais datan de 1986. Queremos aforrar diñeiro, pero mantendo os servizos. Actualmente temos un servizo de lixo totalmente inadecuado, que non cumpre cos mínimos de calidade dunha poboación rural e urbana, e iso só se soluciona con investimento”. Respecto a erros pasados, lembrou que “en 2017 houbo concelleiros que se opuxeron á licitación do lixo, o que tería paliado o problema, pero tivemos que continuar con contedores rotos. Temos un déficit; de onde recortamos? De cultura, deporte ou festas? É fácil dicir que o Goberno fale con outras institucións, pero non nos fan caso. Outras administracións véxense favorecidas polos seus partidos, pero nós non”. Finalmente, Claudio Garrido recoñeceu e asumiu “fallos na xestión”, pero sobre todo, que “non puideramos ser os mellores xestores para as necesidades que ten Sarria no ano 2025”, concluíu.