Aprobouse a modificación do PXOM de Láncara coa abstención dos populares

SarriaXa
Durante o pleno ordinario do mes de setembro, o Goberno local tamén presentou unha moción sobre a xestión de residuos á que o PP votou en contra
láncara-concello
27 sep 2024

O pleno de Láncara vén de aprobar unha modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que se refiere a cambios na delimitación de seis núcleos rurais e da estrutura viaria de cinco.

Esta modificación tamén afecta á capitalidade do municipio, a Pobra de San Xiao, xa que lle dá continuidade á estrada que comunica a glorieta de acceso e a rúa Río Neira, así como a modificación do trazado dunha vía grafitada no campo da feira.

Ademais, tamén recolle a corrección planimétrica da vía que une a rúa Rosalía de Castro e a Julio Iglesias e tamén inclúe a recollida da prolongación da variante do ferrocarril na liña Lugo-Monforte-Ourense. E tamén modificará un artigo das normas do plan.

A concelleira popular e portavoz do PP en Láncara, Olga Capón, abstívose neste punto, xa que explicou que dous días antes do pleno, desde o Concello se mandou un documento de 16.000 páxinas sobre o PXOM “que era imposible de ler nese espazo de tempo”.

E destaca que “o lóxico” era falar cos veciños de que se vai cambiar o trazado de varias vías do munipio. “Hai veciños que van saír beneficiados, pero que se ocupa dos prexudicados?”, pregúntase Olga Capón.

Por outra banda, desde o Goberno local do PSOE tamén se presentou unha moción en relación á suba do canon que os concellos abonan a Sogama pola xestión de residuos e que foi aprobada coa maioría dos socialistas, pero cos votos en contra dos populares.

0.15615606307983