Arias informa aos concellos da provincia sobre o novo convenio de xestión da biomasa

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O obxectivo é seguir colaborando na prevención de incendios forestais e facilitar ás entidades locais e aos propietarios particulares o cumprimento das súas obrigas nesta materia
reunion-convenio-seaga-biomasa
6 Mar 2026

A Delegación Territorial da Xunta acolleu unha reunión informativa dirixida aos concellos lucenses para informar e aclarar posibles dúbidas sobre o novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado pola Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2029.

Na xuntanza estiveron o delegado territorial, Javier Arias, responsables do servizo de prevención de incendios forestais da Consellería e persoal técnico de Seaga, que explicaron todos os detalles do convenio, as actuacións que recolle e as correspondentes obrigas das administracións locais e propietarios.

O obxectivo é seguir cooperando para garantir a prevención de incendios forestais mediante a xestión da biomasa nas faixas secundarias - franxas de protección estratéxicas de 50 metros ao redor de núcleos de poboación, infraestruturas e zonas edificadas -. Arias animou a todos os municipios a adherirse á iniciativa, que pretende axudar aos concellos e aos propietarios a cumprir cos seus deberes nesta materia.

Malia que os concellos poden sumarse ao convenio cando queiran, desde a Consellería transmitiuse a necesidade de que, aqueles que queiran realizar traballos este ano, se adhiran antes do 21 de marzo, co fin de poder planificar as actuacións. Ademais, o 31 do mesmo mes, como moi tarde, deberán remitir á Xunta o plan de traballo coas actuacións solicitadas nos seus territorios.

Entre as novidades con respecto aos anteriores convenios, destaca o incremento do orzamento ata os 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas dotado con 10 millóns por anualidade.

Co fin de prestar un mellor servizo, optouse por reforzar o apoio aos municipios, especialmente a aqueles de menos de 10.000 habitantes, e aos particulares. Neste sentido, promoveranse de forma máis áxil as execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio forestal nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas.

Tamén se incrementou o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276, e nas que os particulares teñen a opción de contratar a Seaga para as rozas por un importe de 420 euros por hectárea. Por outra banda, cómpre lembrar que se segue a ofrecer a posibilidade de que esta empresa pública realice execucións subsidiarias de ata 10 hectáreas -por concello e ano- fóra das parroquias priorizadas; así como a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais.

Ademais, tamén a través de Seaga, os municipios adheridos poderán dispoñer de axuda para revisar, modificar ou apoiar na elaboración do plan municipal de prevención e para realizar inspeccións e notificar aos titulares dos predios.

O delegado territorial informou de que a comezos deste ano iniciouse o proceso de contratación dos primeiros lotes de traballo ao abeiro deste novo convenio. Trátase de 12 lotes por un importe de 6 millóns de euros, IVE incluído, que permiten actuar, no conxunto de Galicia, en preto de 1.900 hectáreas, chegando aproximadamente a máis de 37.000 parcelas, naqueles concellos que se sumen ao acordo.

Arias lembrou que a prevención de incendios é unha prioridade para a Xunta, que en 2026 destina 75,38 millóns de euros a este obxectivo. Dentro das accións levadas a cabo directamente pola Consellería do Medio Rural, cómpre destacar as limpezas e a creación de cortalumes, pistas forestais e puntos de auga. O Executivo galego colabora tamén coas comunidades de montes e pon á disposición dos concellos diferentes instrumentos en materia preventiva.

0.11038088798523