Arranca un novo obradoiro dual de emprego en Bóveda, A Pobra do Brollón e O Incio

SarriaXa | RibeiraSacraXa
Trátase dun obradoiro de xardinería que conta con 20 participantes e que se levará a cabo durante nove meses
Inauguración dun novo obradoiro dual de emprego en Bóveda
Inauguración dun novo obradoiro dual de emprego en Bóveda
9 Dec 2024

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe na inauguración dun novo obradoiro de emprego de xardinería que funcionará durante os próximos nove meses en Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón.

Está promovido polos concellos e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 412.000 euros. A iniciativa toma o relevo do taller que estivo en marcha durante o último ano, centrado na mesma especialidade.

Arias animou ás 20 persoas participantes a aproveitar a formación teórica e práctica que recibirán no obradoiro por parte de persoal especializado para mellorar as súas posibilidades de incorporarse ao mundo laboral. O alumnado que complete a actividade poderá acreditar a súa cualificación mediante un certificado profesional.

Tamén subliñou o servizo público que prestan os talleres de emprego nos concellos nos que se desenvolven. Neste caso, as persoas alumnas-traballadoras encargaranse do mantemento e acondicionamento de múltiples xardíns, zonas verdes, áreas recreativas e rutas de sendeirismo nos tres municipios.

Os obradoiros son unha das ferramentas de fomento do emprego máis demandadas polos concellos, apuntou o delegado, xa que brindan oportunidades laborais aos participantes ao tempo que melloran dotacións municipais.

Na Zona Sur da provincia de Lugo, a Xunta financia con cargo á convocatoria deste ano cinco talleres que implican a 13 concellos e supoñen un investimento autonómico de 2,1 millóns de euros. Todos eles están a poñerse en marcha nestas datas.

0.15805506706238