Arredor de 250 persoas participarán na celebración do 50 aniversario do CPI Ramón Piñeiro
Este sábado, 14 de decembro, ao redor de 250 persoas participarán na celebración do 50 aniversario do CPI Ramón Piñeiro para gozar dunha xornada de recordos no centro educativo.
O acceso será pola porta do aparcadoiro de coches cara ao edificio administrativo, xa que neste edificio se poderá visitar un exposición con máis de mil fotos que compoñen un percorrido pola memoria histórica do centro. Haberá un libro de sinaturas na entrada e no propio salón de actos, ademais das fotos, tamén haberá documentos históricos do centro, materiais educativos doutras épocas, libros antigos, etc.
Posteriormente, visitarase a planta baixa do edificio principal, a biblioteca, os patios e o propio ximnasio, lugar ao que se accederá a partir das 14.15 horas para celebrar a comida.
Desde o centro educativo animan a xente a participar e desfrutar do "bo ambiente, a música en directo, os recordos, a cordialidade, as anécdotas, as apertas, moitas risas e algunha que outra sorpresa. Espéranos nun día que desexamos perdure na memoria dos que nos sentimos unidos a un centro educativo familiar, con moita historia e con moita memoria", defenden.