Arredor de 260.000 euros destina a Deputación de Lugo para mellorar a estrada que une Sarria e Paradela
A estrada provincial LU-P-5709, entre os concellos de Sarria e Paradela, está sendo mellorada grazas ao investimento de arredor de 260.000 euros que pon a disposición a Deputación de Lugo.
As actuacións, adxudicadas á empresa Excavaciones Santiños S.L., afectan a cinco quilómetros de vía, dende o punto quilométrico 5,9 ao 10,7. Os traballos, que teñen un prazo de execución de 2 meses dende esta mesma semana, inclúen a limpeza de laterais da vía, obras de drenaxe, a extensión de aglomerado en quente e a sinalización horizontal e vertical.
Con este proxecto, a estrada que une Sarria e Paradela, dende a parroquia de Santa María a Castro de Rei de Lemos por Vilamaior, verá aumentada a súa seguridade e comodidade. En total, esta vía conta con máis de 14 quilómetros, dos que 3,9 son no Concello de Paradela e 10,3 pertencen a Sarria.
O pasado verán levouse a cabo outra actuación nesta mesma estrada á altura do quilómetro 8,140, que permitiu renovar cun orzamento de 20.000 euros a drenaxe existente neste punto, executando unha estrutura que serviu para canalizar a auga do Rego do Barcelo co fin de evitar filtracións de auga na calzada.
Iniciativas na comarca de Sarria
A Deputación de Lugo leva investidos desde 2019 preto de 7 millóns de euros en infraestruturas viarias na comarca de Sarria a través de varias liñas de actuación.
Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia, máis de 300 quilómetros percorren os concellos desta comarca repartidos en máis de medio cento de vías.
A institución provincial actúa nestas estradas a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.