Xa hai máis de 300 inscricións para participar da XII Ruta 4x4 Comarca de Sarria

SarriaXa
A ruta turística terá como centro de referencia o polígono de Morelle de Sarria e percorrerá tamén os concellos de Samos, Triacastela, Láncara, Baralla e Becerreá
Ruta-4x4-Sarria-2024
13 Nov 2024

A XII Ruta 4x4 Comarca de Sarria, que se celebrará do 15 ao 16 de novembro, foi presentada coa presencia de representantes da asociación Os Carro x Catro, do Concello de Sarria, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.

A ruta turística terá como centro de referencia o polígono de Morelle de Sarria e percorrerá tamén os concellos de Samos, Triacastela, Láncara, Baralla e Becerreá.

A proba, aberta á participación de motos, quads, todoterreos e buggies, conta con preto de 300 inscricións, a dous días para que peche o prazo para anotarse. Desde a asociación, defenden que haberá arredor de 400 vehículos e 650 participantes de toda Galicia e do resto de España.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou “a contribución desta ruta turística á dinamización económica e social de Sarria e da comarca, que a organización incentiva con actividades complementarias á propia ruta como a saída nocturna do venres ou as probas de habilidade no polígono de Morelle” e encadrou a colaboración coa asociacíon Os Carro x Catro “no apoio que desde as distintas áreas da Vicepresidencia da Deputación se presta ao tecido asociativo”.

Pola súa parte, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que a asociación promotora "está a converter a localidade nun referente para os afeccionados a esta modalidade". Neste sentido, lembrou que en xuño celebraron a primeira edición da Festa do Motor 4x4, con éxito e co apoio do Goberno galego.

Con respecto ao programa da ruta, iniciarase o venres 15 cun percorrido nocturno. O sábado atravesará arredor de 100 quilómetros dos municipios de Sarria, Láncara, Baralla, Becerreá, Triacastela e Samos; e o domingo haberá probas de habilidade en Morelle.

Programa

Venres, 15 de novembro

  • 21.00 horas. Benvida
  • 22.00 horas. Saída nocturna polos arredores da Vila de Sarria.

Sábado, 16 de novembro

  • 08.00 horas. Entrega de documentación no Restaurante O Meigallo.
  • 08.30 horas. Saída da ruta turística.
  • 14.00 horas. Xantar no Campo da Festa do Samos.
  • 19.00 horas. Fin da ruta.
  • 22.00 horas. Cea de gala no Restaurante Cinza e Lume.

Domingo, 17 de novembro

  • 09.30 horas. Probas de habilidade no polígono do Morelle.
  • 15.00 horas. Xantar
  • 16.30 horas. Entrega de trofeos.
0.15829801559448