Arredor de 500 persoas de toda Galicia participaron da carreira popular 10k de Sarria

SarriaXa
Os máis rápidos en completar a carreira foron Jorge Puig Malvar, de Pontevedra, e Luisa González Somoza, de Bóveda
Sarria-10k-2025
10 Feb 2025

Este domingo celebrouse en Sarria a carreira popular 10K 'Os Máis Rápidos', que contou cunha elevada participación de corredores chegados de toda Galicia. Preto de 500 persoas inscribíronse no evento, das cales 300 competiron na modalidade de 10 quilómetros.

A proba, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Sarria, en colaboración con CC Norte e Running Sarria, desenvolveuse nun percorrido urbano e rápido, cunha saída e meta na rúa da Liberdade, á altura do paseo do Malecón.

Os máis rápidos en completar a carreira foron Jorge Puig Malvar, de Pontevedra, e Luisa González Somoza, de Bóveda. O segundo posto foi para Jarno Pousada Troitiño, de Lugo, e Purificación Anegas Fernández, de Ourense. E o terceiro caixón do podio ocupárono Ismael Viéitez Porto, de Pontevedra, e Natalia Rivas Suárez, de Sada.

Na entrega de premios participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; e o concelleiro de Deportes, Félix Seijas; entre outros.

0.14901208877563