Arredor de 850 futbolistas participarán esta fin de semana do IX torneo memorial Pedro Canoa

SarriaXa
Nesta novena edición participarán 24 clubs e máis de 70 equipos chegados das provincias de Lugo, Ourense, A Coruña, a comunidade autónoma de Asturias e León
Torneo-Pedro-Canoa-Sarria-2023
Foto de arquivo do Torneo Memorial Pedro Canoa en 2023
4 Xuño 2024

O IX torneo memorial Pedro Canoa, organizado polo equipo SD Sarriana e coa colaboración do Concello de Sarria, desenvolverase os vindeiros 7, 8 e 9 de xuño no estadio municipal da Ribela de Sarria.

Nesta novena edición participarán 24 clubs e máis de 70 equipos chegados das provincias de Lugo, Ourense, A Coruña, a comunidade autónoma de Asturias e León, o que suma a asistencia de máis de 850 futbolistas.

As categorías nas que se organiza o torneo son prebenxamín, benxamín, alevín e infantil e os organizadores do evento din que o obxectivo é promocionar o fútbol base e promover os valores tales como o respecto, convivencia e disciplina. “Isto, ademais, súmase á localización en que nos atopamos, en pleno Camiño de Santiago, e cunha ampla suma de cultura que leva a que os clubs que nos visitan poidan gozar de todo iso”, explica Josito López, coordinador da SD Sarriana.

Cos calendarios pechados, están inscritos nas diferentes categorías 24 clubs: A.D. Bosco, S.D. Sarriana, C.F. Monforte, Ural-Español C.F., S.D. Becerreá, Real Sporting de Gijón, S.D. Ponferradina, C.D. Corgo, A.D.C. A Piringalla, S.C.D. Milagrosa, C.P. Calasancio, E.F. Polvorín, S.D.C. Residencia, Pabellón Ourense C.F., Sada C.F., S.D. Burela, C.D. Lugo, C.D. Ponferrada City, C.P. Casás, A.D.C. Sagrado Corazón, U.D. Ourense, S.D.C. San Roque, A.D. Ferroviaria e Maristas C.F.

“Quero agradecer enormemente a súa disposición para participar e facilitar a organización do mesmo, sen todos eles sería inviable levar ao fin esta festa do fútbol”, concluíu o coordinador.

0.20289301872253