Arredor de trinta persoas realizaron unha ruta de 35 km en bici entre Sarria e Láncara

SarriaXa
A xornada estivo organizada pola comunidade educativa do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria en colaboración co DHGTeam
ruta-IES-Xograr-Afonso-Gómez-Láncara
16 Xuño 2024

Distintos membros da comunidade educativa do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, grazas á colaboración do Club DHGTeam, desfrutaron da súa afición pola bicicleta e do contacto coa natureza.

Arredor de trinta persoas entre alumnado, profesorado, familiares e colaboradores compartiron unha xornada na que practicaron unha ruta de 35 km en bici por sendeiros e antigas vías de tren entre Sarria e A Pobra de San Xiao, onde se realizaron un xantar na praia fluvial.

Contaron coa colaboración da Policia Local de Sarria ao longo da saída polo casco urbán da vila e do Concello de Láncara para utilizar as instalación da praia fluvial de A Pobra de San Xiao.

Esta xuntanza interxeneracional, xa que os participantes tiñan entre 9 e 70 anos, tivo tanto éxito que esperan repetir ao longo do próximo curso escolar.

O centro educativo resalta o agradecemento ao club DHGTeam pola súa amabilidade e traballo, sinalando que non foi a primeira colaboración e tampouco será a última.

O Xograr leva catro anos incentivando as rutas escolares activas e un plan de mobilidade sostible, segura e saudable tendo na promoción do uso da bici un dos seus obxectivos fundamentais.

0.17512583732605