Arrinca a campaña de outono de Merca no teu comercio na provincia de Lugo
A Federación de Comercio de Lugo, da man da Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, pon en marcha a edición de outono da campaña Merca no teu comercio- Lugo campaña de ámbito rexional que na provincia de Lugo desenvolverase desde hoxe, día 10, e o 30 de outubro, sendo o sorteo o 31 de outubro. A entrega de premios terá lugar o 11 de novembro.
Nesta edición de outono da campaña sortearase entre todos os tíckets rexistrados por comerciantes ou consumidores directamente, outros 10.000 euros en premios, repartidos en 50 bonos QR de 200 euros, que unicamente poderán ser canxeados nos establecementos adheridos.
Ademais, no acto de entrega de premios, sortearase en directo un bono de 1.000 euros. Neste sorteo poderán participar todos os premiados e acompañantes ata completar aforo, segundo as condicións recollidas nas bases (presentar tícket de compra nas datas da campaña e unha participación por persoa, entre outras). Este premio de 1.000 euros deberá ser gastado pola persoa agraciada nunha única xornada de compras dentro da semana seguinte ao sorteo.
A campaña Merca no teu comercio - Lugo, busca fomentar as vendas e poñer en valor e promocionar as compras nos comercios de proximidade de toda a provincia, sensibilizando e premiando a fidelidade dos clientes. Esta iniciativa xa tivo unha primeira edición no mes de setembro, cuxa entrega de premios será o vindeiro luns día 14 de outubro no Vello Cárcere de Lugo.