Arturo de Lombera, codirector da escavación na Cova Eirós: “O noso labor é investigar, divulgar e poñer en valor o patrimonio”

SarriaXa
Falamos con Arturo de Lombera, codirector da escavación da Cova Eirós xunto con Pedro Rodríguez desde 2008.
Cova Eiros Arturo
8 Dec 2023

Falamos con Arturo de Lombera, codirector da escavación da Cova Eirós xunto con Pedro Rodríguez desde 2008.

Como xurdiu a idea de poñer en marcha esta escavación?

Nós, desde a Universidade da Coruña, estabamos facendo en Monforte de Lemos un proxecto de investigación recuperando  ferramentas megalíticas e en 2008 decidimos marchar cara á Cova Eirós de Triacastela, que xa era coñecida polas investigacións que fixera a UDC nos anos 80, nos que se descubriran ósos de animais e tamén pola sondaxe que se fixera no ano 1993, na que se atoparon artefactos do paleolítico. Por iso, comezamos no 2008 de novo cunha escavación que dura ata o día de hoxe.

Cales son os descubrimentos máis importantes destes 15 anos?

Na Cova Eirós descubrimos varias achegas relevantes para o noso patrimonio, tanto a nivel mundial como local. Os máis relevantes foi a descuberta de arte rupestre paleolítica, que foi a primeira vez que se viu algo así en Galicia.

Por outra banda, descubriuse que este xacemento acolleu a presencia e ocupación de sociedades de hai 45.000 anos e ata a época medieval. É dicir, viviron nesta cova neandertais de hai 45.000 anos e homo sapiens de ata a era casi actual, da época medieval.

Grazas a este descubrimento, puidemos reconstruír os modos de vida das diferentes especies de homínidos, pero tamén das especies, da flora e da fauna da Serra Oriental de hai 45.000 anos e a súa evolución ata a era actual.

Como se senten ao atopar algo novo?

A Cova Eirós é un xacemento que sempre sorprende. Durante 15 anos descubrimos achegas singulares que axudan a comprender a historia de Galicia. Desde as pinturas megalíticas, as cerámicas das primeiras sociedades, os enterramentos humanos... Esta é unha das poucas covas da península que permiten comparar dous tipos de ser humano: os neandertais e os homo sapiens, que viviron en épocas diferentes e con distintos estilos de vida, pero con máis ou menos os mesmos condicionantes.

É unha mesma cova, un mesmo espazo, un mesmo territorio, coas mesmas materias primas para fabricas ferramentas, as condicións son similares, un pouco máis frío e húmido que agora... pero as técnicas empregadas son diferentes. Incluso os animais eran os mesmos. Había osos cervos, panteras, hienas, corzos… As especies que cazaban eran máis ou menos as mesmas. En cambio, atopamos diferencias nos materiais que utilizan, en como construían as ferramentas... E, por exemplo, temos a constancia de que os neardentais cazaban, maioritariamente, cervos.

Cal foi a última achega e como se descubriu?

O último descubrimento na escavación da Cova Eirós foi da man dunha rapaza que estaba con nós facendo a súa tese de doutoramento. Concretamente, ela encargábase de revisar as paredes e, nelas, foi onde atopamos unha especie de signo feito con cor vermella.

Chamounos moito a atención porque non tiñamos identificada ata o momento ese tipo de signo, feito con cor vermella e varios puntos. Estabamos acostumados a figuras ou símbolos abstractos feitos con cor negra do con carbón, da época paleolítica, e esta era de ocre.

Non sabemos que significa, pode ser dunha sociedade diferente, pero o motivo non facilita encadralo cronoloxicamente, aínda que pode ser máis recente que a arte paleolítica, é dicir, do neolítico ou máis recente pola materia utilizada, xa que o ocre é máis común en sociedades máis avanzadas que o uso do carbón.

Cales son as previsións de futuro con respecto a esta cova?

A cova e o recheo da entrada onde estamos a escavar ten tres metros e medio de sedimento e levamos escavado un metro e medio. Non sabemos se quedan cousas por descubrir, por iso temos que seguir. O obxectivo a curto prazo é escavar o campamento neandertal de hai máis de 45.000 anos e buscar sociedades máis antigas e a longo prazo queremos escavar outras covas na contorna de Triacastela para atopar outros xacementos que ofrezan información destas etapas da historia ou doutras.

Xa no pasado escavamos varias covas en Triacastela, como a Cova das Cabras, que está ao carón da Cova Eirós e nas que atopamos moedas romanas. Tamén estivemos na Valiña, en Castroverde. O noso marco xeográfico son as Serras Orientais, entón miramos distintas posibilidades nesa contorna.

Ademais da investigación, cales son os vosos obxectivos?

Un dos obxectivos que temos, ademais de investigar, é formar a xente, a estudantes, investigadores e alumnado de historia de Santiago e doutras facultades. Así, poden facer o seu Traballo de Fin de Grao, de Máster ou no último proceso de doutoramento. Este proxecto ten un claro enfoque de investigación e, á vez que formamos a xente, tamén nos axudan con esta labor.

Ademais, temos outra pata que é a de divulgación e valoración do patrimonio, que facemos a través das redes sociais, a través de falar con medios de comunicación, damos charlas e conferencias, programamos visitas ao xacemento, facemos publicacións en revistas, levamos a cabo exposicións itinerantes, realizamos documentais...

Dar a coñecer a Cova Eirós de Triacastela axuda a divulgar os descubrimentos á sociedade para que sexa consciente do patrimonio que temos. Ademais, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, que financia as escavacións todos os veráns e ao Ministerio de Ciencia e Innovación, que financia as investigacións e os contratos das persoas en tese de doutoramento, podemos seguir facendo este labor.

Cova Eiros 3
Cova Eiros
puntos pintados no nivel 4 de Cova Eirós
Cova Eiros 2
0.18064594268799