As Cavarcas e a Deputación de Lugo inician un programa formativo no Incio sobre o monte
A Asociación As Cavarcas do Incio desenvolverá ao longo do ano un programa formativo centrado no aproveitamento produtivo do monte e na conservación do patrimonio cultural coa colaboración de Medio Rural da Deputación de Lugo.
A área dirixida por Mónica Freire e o colectivo do Incio asinaron un convenio para levar adiante este proxecto, que inclúe seis xornadas.
Os coidados de soutros tradicionais, a introdución de cultivos arbóreos como as oliveiras, a micoloxía, a afectación dos plásticos agrícolas á contorna rural, a pegada do Camiño no Val do Mao ou a reparación de apeiros de labranza son algúns dos temas que se abordarán no marco do programa, que dá continuidade á labor dinamizadora da Asociación As Cavarcas.
A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, valorou “a iniciativa das persoas que puxeron en marcha a asociación hai apenas dous anos para fortalecer o tecido social do Incio e contribuír á recuperación e conservación do patrimonio natural e cultural do Concello e do interior da provincia”.
Medio Rural da Deputación achegará 3.000 euros para a organización
destas actividades.