As fake news invaden as nosas aulas

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O pupitre é a sección do mestre Julio Díaz no que trata os temas de actualidade no ámbito educativo cun toque persoal
julio diaz foto colaborador lugo
6 Oct 2023

Por Julio Díaz

As fake news ou noticias falsas non son un invento da era dixital, desde tempos inmemorais utilizouse con distintos fins a manipulación da información. O fenómeno da desinformación non é novo, pero as novas tecnoloxías da información, que inclúen as redes sociais e internet, potencian e acrecentan a súa forza. Se ben estas plataformas aportan grandes vantaxes e beneficios, tamén permiten una maior cantidade de información falsa e que a mesma se difunda e expanda a unha velocidade nunca antes vista.

Fronte a un problema de tal dimensión, que é o que pode facer a educación?, que podemos facer os docentes?, como podemos ensinar aos nosos alumnos a ser críticos coas noticias que lles chegan e coa grande cantidade de contidos que consumen no día a día?.

Organismos oficiais como a OCDE ou a Unesco téñeno moi claro: A epidemia de desinformación é innegable e non poderá resolverse sen a axuda das institucións e da comunidade educativa. “As institucións educativas, os medios de comunicación e as autoridades deben investir en medios independentes e na alfabetización mediática e informacional para acrecentar o coñecemento e a comprensión dos medios e da información, a tecnoloxía dixital e a análise dos datos”, explica acertadamente a Comisión Europea.

Ensinar dentro das nosas aulas a analizar a información que consumen, independentemente da súa idade ou do curso no que se atopen, insírese nun plano moito más amplo, que debe ir ligado directamente ao ensino dun pensamento crítico dos nosos alumnos.

Como sosteñen os informes da OCDE, os nosos estudantes aínda non son capaces de identificar as “Fake News” dentro das nosas aulas e a maioría das veces o que fan é simplemente replicar a información que chega, pero sendo incapaces de entendela e de argumentala.

Este pensamento crítico que deben manter os nosos alumnos forma parte das competencias do século XXI publicadas pola Unesco en busca dos intereses dos nosos rapaces, outorgándolles máis autonomía e invitándoos a traballar mediante resolución de problemas. Deben ser capaces de formular preguntas sobre un contido e buscar respostas; decidir unha acción a seguir e interactuar, emitir xuízos de valor, empregar estratexias retóricas apropiadas nunha discusión ou presentación.

O docente debe axudar a reflexionar, a investigar, a xerar unha opinión e aprender a argumentala para así poder fomentar un pensamento crítico nos seus alumnos facendo que sexan capaces de formular preguntas sobre determinados contidos e buscar as respostas axeitadas, xulgar a credibilidade dunha fonte; emitir xuízos de valor; identificar supostos; decidir unha acción a seguir e interactuar cos demais empregando as estratexias retóricas apropiadas en calquera debate ou discusión.

De todas maneiras teño a impresión de que cada vez que aparece un problema social axiña identificamos que a solución está na escola, e penso que sen dúbida esta debe xogar un papel esencial na formación de alumnos críticos que saiban buscar e acceder ás fontes de información, que sexan capaces de cuestionar e contrastar as mesmas, de analizar as diferentes visións dunha noticia, pero para que estas medidas teñan verdadeiro éxito, deberían encadrarse dentro dun proceso moito máis global de verdadeira formación de cidadáns críticos.

realidade virtual

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15946388244629