As familias do alumnado de 6º de Infantil do CEIP Frei Luís de Granada piden que se habilite un ximnasio para os recreos

SarriaXa
As familias de Educación Infantil do CEIP Frei Luís de Granada de Sarria demandan "un lecer digno que redunde no seu benestar" para o alumnado de 6º de Educación Infantil, xa que din que no que vai de curso "non gozou do seu tempo de lecer nos días chuviosos por falta de interese e compromiso da Dirección do centro á hora de habilitar un lugar adecuado para eles".
16 Feb 2024

As familias de Educación Infantil do CEIP Frei Luís de Granada de Sarria demandan "un lecer digno que redunde no seu benestar" para o alumnado de 6º de Educación Infantil, xa que din que no que vai de curso "non gozou do seu tempo de lecer nos días chuviosos por falta de interese e compromiso da Dirección do centro á hora de habilitar un lugar adecuado para eles".

Así, sosteñen que "o asunto resulta incomprensible cando no centro existen dous ximnasios que permanecen baleiros e pechados durante o lecer, e consideramos unha neglixencia que isto se leve perpetuando durante tantos anos, a pesar da insistencia de distintas familias que, curso tras curso, demandan unha solución á privación dun tempo tan importante para o benestar físico, mental e social do alumnado".

A Xefa Territorial e a Inspectora do centro acudiron ao CEIP Frei Luís de Granada o pasado 15 de febreiro co fin de darlle solución ao problema do tempo de lecer do alumnado de infantil tras as múltiples queixas das familias destes alumnos. Porén, estas familias son escépticas, pois a Xefa Territorial recibiu un escrito delas hai máis dun mes e aínda non se puxo en contacto con elas.

Este escepticismo tamén responde a ser coñecedoras de que o problema se trasladará e se decidirá nun Consello Escolar, o que "demostra que a administración deixa a bola no tellado dun equipo directivo que leva demostrado durante anos que a súa prioridade non é o benestar deste alumnado, e que ten o control dun órgano colexiado con maior representación dos docentes que das familias", critican.

Así, din que nese consello escolar, os docentes con representación no mesmo "quedarán retratados e saberase se antepoñen os intereses dun poucos ao benestar dos nenos e se as decisións se toman sen ter en conta o sentir da comunidade educativa e de modo autoritario", subliñan.

As familias denuncian a discriminación que sofren os seus fillos

Con todo isto, as familias piden que o centro deixe de "dar agumentos falsos, contradictorios e incongruentes como que os ximmasios son espazos didácticos e como tal non poden usarse durante o recreo, xa que a aula na que o alumnado de infantil pasa os recreos durante os días de chuvia tamén é un espazo didáctico.  Ttodas as instalacións do centro son espazos didácticos, e estes deben distribuírse atendendo ao benestar dos nenos, eles deben ser a prioridade nun centro educativo", explican.

Así, presentan o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica editado pola Xunta de Galicia para soster o seu argumentario: “Aqueles espazos que, polo seu uso, necesiten estar diáfanos a maior parte do tempo, tales como salóns de actos, ximnasios, bibliotecas, (...) poderían albergar novos usos cando non están en funcionamento”.

Por outra banda, non queren cambios de horario no alumnado de infantil, xa que este cambio "suporía unha discriminación fronte ao resto do alumnado do centro, que conta co horario de recreo que o centro considera idóneo, mentres que un alumnado máis pequeno e vulnerable tería períodos máis longos antes ou despois do lecer".

En definitiva, as familias cren que "todo isto demostra unha falta total de vontade dos responsables do centro en solucionar un problema no que deben mostrar compromiso co benestar do seu alumnado habilitando un dos dous ximnasios que carecen de uso durante o lecer".

Ademais, tamén cren que a inspección educativa está en conivencia coa dirección do centro, "contradicindo incluso os propios documentos da Xunta", polo que sosteñen que "non aceptaremos máis argumentos incongruentes e infundados para manter pechados os ximnasios durante o lecer, en vez de destinalos a albergar ós nenos e nenas máis pequenos e vulnerables do centro", conclúen.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16023397445679