A música e a tradición serán as protagonistas na programación cultural do San Xoán de Sarria 2025

SarriaXa
Un programa repleto de cultura, música, tradición e inclusión anima a cidade ata o 25 de xuño
San-Xoán-Sarria-2025
4 Jun 2025

As esperadas Festas de San Xoán de Sarria celebraranse do 20 ao 24 de xuño con diferentes propostas para toda a veciñanza e persoas interesadas de desfrutar das festas patronais da vila sarriá. Ademais, por terceiro ano consecutivo, todos os días haberá dúas horas sen ruído, entre as 18.30 e as 20.30 horas, na zona de atraccións para facilitar que os nenos, nenas e maiores con hipersensibilidade acústica poidan desfrutar das festas.

Así, as celebracións darán comezo o venres 20 de xuño cun acto inaugural na Casa do Concello ás 20:00 horas no que o empresario sarriao Jesús Pato Mourelos se encargará de dar o pregón. No acto, estará acompañado por intérpretes de lingua de signos para garantir a accesibilidade do evento.

Despois, o lanzamento do foguete sinalará o inicio oficial das celebracións, que continuarán na praza da Constitución coa actuación da Coral Polifónica do Concello de Sarria, a Banda de Música de Sarria, Os Clarisaxos, a Asociación Cultural Meigas e Trasgos e a Asociación Cultural Peleriños.

Xa ás 22:00 comezará a verbena no Campo de Rugby coas orquestras Miramar e Panorama City, mentres que no pavillón José Mario González darase inicio ao XXXV Torneo de Fútbol Sala San Xoán, que se prolongará os días 21 e 22.

Pola súa parte, o sábado 21 a xornada iniciará a actividade ás 18:00 na praza da Vila cun festival infantil, no que terá lugar a actuación de Trémola Teatro, pero tamén haberá globoflexia, música, bailes, taller de tinta máxica e de marcapáxinas. Logo, ás 19:30, o mago Roberto Lolo encherá as rúas de maxia coa súa ‘Hora máxica’, mentres que os Gaiteiros de Goián e a Louband serán parte dos pasarrúas da tarde. No campo de rugby tamén se celebrará o Vibraxoán. E, con respecto ás actuacións da noite, comezarán ás 21.00 horas coa Louband, ás 22.00 horas con Sound Sisters, ás 23.30 horas chegará o grupo de indie Sidonie e, para rematar a noite, a Duendeneta DJ Set estará desde as 01.00 horas enchendo de música a vila de Sarria.

Xa o domingo 22 a festa continuará coa sesión vermú a cargo de Duendeneta no cruzamento da rúa da Liberdade con José Sánchez Aria, acompañada dos pasacalles de Pampónigas, Peleriños e a Banda Comarcal. O peche da xornada correrá a cargo das orquestras Los Players e New York ás 21:30 no Campo de Rugby.

Con máis programación, o luns 23 pola tarde encherán as rúas a Charanga Paradela e a Asociación Cultural Meigas e Trasgos para dar pé á noite máis especial do ano, que comezará ás 21:30 cunha pancetada popular no Campo da Feira con chourizos e liscos. E, como cada ano, o grupo Eoas ofrecerá un concerto ás 23.00 horas, unha hora na que tamén se celebrará a tradicional 53ª queimada popular. Xa a media noite prenderase a Fogueira de San Xoán no Campo da Feira, acompañada do espectáculo Correfoc-Dimonis de la Plana. A noite rematará coa verbena da orquestra Finisterre no Campo de Rugby a partir das 00:30 horas.

Con respecto ao martes 24, pola mañá a Banda de Música de Sarria protagonizará un pasarrúas seguido da recepción oficial de autoridades na Casa do Concello ás 11:30. O repenique de campás na Igrexa de Santa Mariña terá lugar ás 11.55 horas e ás 12:00 celebrarase a Misa Maior cantada pola Coral Polifónica do Concello de Sarria, seguida da procesión acompañada pola Banda Municipal de Sarria, sguindo o itinerario de sempre. Xa pola tarde, a Louband e Batukda protagonizarán os pasarrúas, e pola noite a orquestra Capitol dará comezo á última verbena do San Xoán a partir das 21:30 horas no Campo de Rugy. Á media noite haberá unha espectacular sesión de fogos artificiais, que dará paso á continuación da verbena coas orquestras Capitol e Olympus.

Para poñer fin ás festas, o día 25 celebrarase o Día dos Nenos, no que as atraccións contarán con descontos especiais para os máis pequenos.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO DO SAN XOÁN DE SARRIA 2025

⚙ Configurar cookies
0.1689178943634