As modificacións de crédito, o contrato do alumeado público e a Casa Carmiña centraron o pleno de Sarria
O pleno da Corporación de Sarria aprobou as propostas do Goberno local de Camiña Sarria para a modificación de crédito con cargo ao remanente de tesouraría municipal.
A primeira delas é a modificación de crédito por valor de 391.000 euros que se destinarán á reparación do pavillón do CEIP Frei Luís de Granada e para comprar terreos para a ampliación da piscina municipal exterior para a tempada de verán.
Dese diñeiro, 250.000 euros serán para mellorar a cuberta, o peche e o pavimento do pavillón polideportivo do centro educativo. Estas obras servirán para mellorar as instalacións do colexio para o desenvolvemento das clases de Educación Física e para actividades extraescolares e pasar os recreos, cumprindo así o compromiso que ten o Goberno local coa ANPA e a comunidade educativa.
Pola súa parte, para mercar os terreos para a ampliación da piscina, propón unha modificación de crédito de 130.000 euros e, faranse, tamén, obras de mantemento da escola de música, cun presuposto de 10.000 euros.
A segunda modificación de crédito aprobada pola Corporación é a de 558.000 euros, destinada a levar a cabo obras para o correcto funcionamento dos servizos municipais, como a reposición de servizos básicos na rúa do Mazadoiro, por valor de 221.000 euros; a extensión do abastecemento de auga en Padriñán e Caias, por valor de 65.000 euros; a renovación dos aseos da Casa da Cultura, por valor de 30.000 euros; a mellora da climatización da piscina cuberta e a instalación de vinilos, por valor de 36.000 euros; a adquisición de contedores marróns e a mellora de equipos informáticos.
Ademais, co orzamento deste ano, abonaranse as subvencións nominativas pendentes do ano 2023 ao club da Sarriana, ao CB Sarria e ao club de fútbol sala Os Meigallos, cun valor total de 52.000 euros.
Finalmente, o Goberno local tamén proporá unha terceira modificación de crédito con cargo ao remanente de tesouraría da residencia de maiores por un valor de 190.000 euros. Con ese diñeiro, a intención é dedicar 48.237 euros a obras pequenas e á instalación dun sistema de videoconferencias para que os maiores poidan comunicarse con familiares e usuarios.
Pola súa parte, 130.000 euros dese presuposto irá destinado á renovación da carpintería exterior da residencia, que ten un custo de 350.000 euros, polo que se pediu unha subvención á Xunta. A renovación do tellado da residencia xa está rematada, así como tamén se pintou o interior, renovouse o mobiliario e se creou unha sala de visitas.
DEBATE NO PLENO
Con respecto á proposta do Goberno local da modificación do contrato do alumeado público, Camiña Sarria conseguiu que se acordase remitir unha proposta de modificación á empresa adxudicataria dos servizos enerxéticos de alumeado exterior e dos edificios municipais cos votos a favor do BNG. A solicitude prevé a inclusión dos gastos enerxéticos da piscina climatizada e da residencia de anciáns, así como de 115 farois.
O Partido Popular, que votou en contra, explica que supón unha suba de case 9.000 euros, concretamente 8.851,06 euros ao mes, é dicir 128.517,44 euros máis ao ano no prezo que o Concello paga á empresa, e desde o PP de Sarria lembran que o informe aportado ao expediente e elaborado pola Enxeñeira Industrial Municipal responsable do contrato indica que a modificación proposta supón un incremento de case o 20 % do prezo do contrato.
“Esta é a outra sorpresa dun contrato que, como xa advertimos, supón que o aforro que tería que producirse para todos os sarriaos e sarriás coa substitución das luminarias por LED se quede no marxe de beneficio da empresa. É un contrato prexudicial para os intereses do municipio e que nos terá atados durante 20 anos”, denuncian os populares.
Con todo, din que "esta modificación é outra mostra máis da chapuza do Goberno de Camiña Sarria en relación a este contrato, que impediu que puidese presentarse ningunha empresa de Sarria polos requisitos de acceso, o que supuxo unha clara limitación”. E lembran que, aínda que a lei de contratos prevé que unha modificación do 20 % podería permitir a resolución do contrato, a modificación proposta polo Goberno Municipal é "curiosamente do 19,92 %, outra estraña casualidade que se suma ao cúmulo de despropósitos deste contrato”.
Finalmente, explican que podía sacarse a licitación un contrato para que as pequenas e medianas empresas de Sarria, da comarca ou da provincia puideran prestar os servizos que se lle engaden á empresa que gañou o concurso, “xa que as empresas próximas presentarían prezos máis competitivos ao non ter que desprazarse nin subcontratar, e agora o que se fixo é prexudicar á pequena e mediana empresa”.
Pola súa parte, o portavoz socialista, Benjamín Escontrela, pediu que a modificación quedase sen aprobar nin rexeitar ata que existan informes da Secretaría e Intervención, despois de saber se a empresa acepta a proposta municipal.
Mentres, desde o BNG comezaron explicando que non podían apoiar unha modificación que non está amparada legalmente e, despois, cambiou de opinión e votou a favor da modificación, o que para o Partido Popular foi “un acto contraditorio, non só por cambiar de opinión en 5 minutos, senón tamén porque votar a favor desta modificación vai en contra dos valores do partido nacionalista. Aquí se ve, claramente, que aínda que non gobernen en coalición, o BNG é a muleta de Camiña Sarria e sempre que hai que arranxar algunha irregularidade, aí está o Bloque, aínda que sexa contradicindo o que dixo antes”, conclúen os populares.
MOCIÓN DO PP APROBADA
Por outra banda, os concelleiros do PP de Sarria pediron no pleno que se redacte un proxecto para o uso da Casa Camiña, un inmoble cun pequeno terreo pegado á Casa Consistorial, que foi adquirido polo Concello por un importe de 117.000 euros hai máis de catro anos.
Nese sentido, dende o PP de Sarria instaron ao Goberno municipal para tramitar e redactar o proxecto técnico e a execución das obras de rehabilitación e adecuación necesarias para a ampliación das dependencias municipais neste inmoble co conseguinte aforro nas rendas que se abonan mensualmente por alugueiros doutros inmobles.
A adquisición deste inmoble, que contou co apoio do Partido Popular de Sarria, tiña como finalidade, entre outras, a necesaria ampliación das dependencias municipais e o conseguinte aforro nos alugueiros doutros inmobles. No momento da súa compra, “o Goberno de Camiña Sarria consideraba esta operación unha oportunidade de cara a unha ampliación do consistorio”.
Por outra parte, “a adecuación destas instalacións permitiría mellorar a situación de determinados servizos municipais que, en ocasións, atópase moi limitada pola falta de espazo e condicións, como é o caso, por exemplo, das dependencias destinadas á atención de servizos sociais”, subliña Carmen José López, portavoz popular en Sarria.
Pola súa parte, o PSOE e o BNG votaron a favor da moción, mentres que Camiña Sarria se abstivo, e ambos portavoces, Benjamín Escontrela e Efrén Castro, comunicaron a súa disposición para buscar axudas nas administracións para acondicionar o inmoble e que poida ser utilizado para servizos sociais.