As obras na autovía Nadela-Sarria provocan cortes puntuais

LugoXa | SarriaXa
As obras da autovía Nadela-Sarria obrigan a realizar cortes puntuais tres días á semana para garantir a seguridade dos traballos de voaduras.
autovia nadela sarria obras
26 Maio 2021

As obras de conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria, no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, obrigan a realizar cortes puntuais tres días á semana para garantir a seguridade dos traballos de voaduras.

Dende a Deputación explicouse que os cortes víñanse producindo dende o mes de febreiro -cando comezaron estes labores- os martes e xoves non festivos entre as 13.00 e as 15.00 horas e entre os enlace do quilómetro 13 (O Páramo, A Pobra de San Xiao) e o do quilómetro 22 (Sarria norte, Morelle).

Durante aproximadamente tres meses será preciso pechar ao tráfico tamén os mércores non festivos no mesmo horario, neste caso entre o enlace do quilómetro 22 e o do quilómetro 26 (Sarria Sur, Albán). O desvío estará debidamente sinalizado e o traxecto alternativo realizarase pola estrada LU-546.

Estes traballos enmárcanse nas obras da primeira fase da conversión en autovía da vía de altas prestación Nadela-Sarria, cun investimento de case 25 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses. 

Estase a construír unha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando dunha calzada con dous carrís actuais a dúas calzadas con dous carrís por sentido.

A intervención incluirá tamén a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, así como a reposición dos camiños de servizo afectados. Ademais, contará con valla reforzada en ambos lados para reducir a accidentalidade causada polo xabaril.

0.1957859992981