As obras na ponte de Valdriz retomaranse a vindeira semana

SarriaXa
Os traballos, moi demandados, suporán a ampliación do viaducto e a creación dun sendeiro peonil e ciclista. A Xunta destina 610.000 euros a esta actuación
ponte valdriz pobra san xiao láncara
17 Mar 2021

As obras da ponte de Valdriz, na estrada LU-621 ao seu paso pola Pobra de San Xiao, retomaranse a vindeira semana. Así o vén de confirmar o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, despois da reunión telemática que mantivo coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

A previsión é que a empresa concesionaria mobilice a maquinaria requirida e comece cos primeiros traballos na zona o mesmo luns, se ben as voladuras precisas para a ampliación da ponte non se iniciarán ata o mes de abril. Neste senso, o rexedor lancarés explicou que será nesas datas, despois da Semana Santa, cando se porá en servizo un itinerario alternativo para o tráfico que se manterá mentras duren os traballos no viaducto.

A ampliación da ponte de Valdriz é unha actuación moi demandada polos usuarios do vial, tanto pola estreiteza como polo estado da propia infraestrutura, que supón un perigo para condutores e peóns.

Os traballos que se comezarán a executar a vindeira semana inclúense nun proxecto do Goberno autonómico que conta cun orzamento de preto de 610.000 euros. Ademais da ampliación da ponte, o proxecto contempla tamén a creación dun sendeiro peonil e ciclista desde A Pobra de San Xiao á urbanización de Valdriz.

0.12801718711853