As obras participantes no certame Fiz Vergara Vilariño poderanse entregar ata o 23 de outubro
A edición número vinte dúas do certame Fiz Vergara Vilariño, que un ano máis entregará un premio de 6.000 euros xunto coa publicación do poemario gañador por parte da editorial Espiral Maior, pecha o prazo de entrega para os traballos candidatos o domingo 23 de outubro.
O concello de Sarria en colaboración coa agrupación cultural Ergueitas, participan un ano mais na organización desta inciativa que pretende achegar ao público, obras inéditas en poesía de autores descoñecidos.
Aqueles participantes interesados poden consultar as bases do certame ou ampliar calquera información necesaria na web do concello de Sarria ou no número de teléfono 982 535 000.
Será fundamental que os traballos presentados estean escritos en galego e teñan unha extensión mínima de 500 versos. É moi importante tamén que non foran premiados en ningún outro certame.
O poemario gañador darase a coñecer antes do 30 de decembro e o xurado desta edición do Fiz Vergara Vilariño estará formado por persoas de prestixio no mundo da creación ou a crítica literaria.
Lembremos que Fiz Vergara Vilariño, un poeta nado no concello de Samos, formou parte do colectivo Cravo Fondo. A súa poesía tiña inicialmente un marcado carácter social, que foi derivando máis tarde cara un maior intimismo. A poesía paisaxística, amorosa e existencialista predomina nos seus textos dende a súa obra Orfo de ti en terra adentro (do ano 1976).