As parroquias de Sarria rexistran un incremento do uso da lingua galega nas inscricións funerarias

SarriaXa
Un estudo de Antela López Domínguez analiza os epitafios do cemiterio municipal e dos parroquiais de Corvelle e Vilar
cemiterio-sarria
31 Jan 2026

As parroquias de Sarria amosan unha evolución significativa no uso da lingua galega nas inscricións funerarias, segundo os datos recollidos nun estudo realizado por Antela López Domínguez no marco da iniciativa de educación social Palabra e Memoria, un proxecto centrado na análise do patrimonio documental dos cemiterios galegos. A iniciativa xa fixo pública a visualización de camposantos de 300 concellos, entre eles todos os da provincia de Lugo, e no caso de Sarria o primeiro traballo de campo sistemático, realizado cumprindo todos os criterios metodolóxicos esixidos, foi levado a cabo por esta investigadora, que en 2023 xa destacara pola documentación dun petróglifo e elementos decorativos castrexos nun dos muros da igrexa de Santiago da Veiga.

A análise abrangue o cemiterio municipal de Sarria e os camposantos parroquiais de Corvelle e Vilar, onde o uso do galego na epigrafía funeraria comeza a detectarse a finais do século pasado. No cemiterio urbano, as primeiras inscricións en galego datan de 1997, mentres que no de Corvelle aparecen a partir de 1999. Precisamente nesta parroquia, Antela López examinou as lápidas correspondentes a 36 familias e constatou que unha delas optou por empregar de maneira íntegra o galego en todas as mensaxes de lembranza. En Vilar de Sarria, o estudo inclúe un total de 50 familias, das cales só dúas, nun caso repartidas en tres lápidas, mantiveron o idioma sen realizar cambios á hora de recordar as persoas falecidas.

No cemiterio municipal situado na Avenida da Mercede, a estudante, natural de Fonteabuín, documentou o uso do galego por parte de 17 familias desde 1997 ata a actualidade. Entre as inscricións rexistradas, o traballo detense de maneira especial en tres casos nos que as persoas defuntas son lembradas mediante poemas escritos expresamente na súa memoria. Un deles corresponde a Juan Antonio Santamarina Espiñeira (Teixeiro, 1934 – Sarria, 2023), destacado membro de La Unión, economista que desenvolveu a súa carreira profesional no Banco Hispano-Americano en Madrid e que, seguindo unha estética literaria próxima á de Álvaro Cunqueiro, deixou redactado o seu propio epitafio.

Outro dos exemplos é o do escritor e xornalista Víctor López Villaravid (1936-2009), cuxa lápida inclúe un poema composto na súa honra. Trátase dun soneto escrito “in memoriam” por Marica Campo. O terceiro caso analizado é o do escultor Segundo Martínez Sexto (1935-2019), lembrado cun poema da autoría doutro escritor vencellado ao ámbito local, José Pedreira Balboa.

⚙ Configurar cookies
0.073317050933838