As protestas veciñais polo estado das obras de ADIF chegan ao pleno municipal

SarriaXa
PP, BNG e PSOE levaron mocións centradas nos accesos do barrio da Estación, as deficiencias na rúa da Liberdade e o pacto de goberno local
imaxe-do-salón-de-plenos-de-Sarria
27 Feb 2026

O malestar da veciñanza do barrio da Estación de Oural centrou boa parte do último pleno municipal de Sarria, onde o Partido Popular levou unha moción para denunciar a situación xerada polas obras inacabadas de ADIF. A formación cualificou de “insostible” o escenario actual tras meses de actuacións sen rematar, que, segundo expuxo, están a bloquear servizos básicos, dificultar o acceso ás vivendas e comprometer a seguridade das persoas residentes.

O grupo popular solicitou o respaldo do Goberno local e do resto das forzas ás reivindicacións veciñais e advertiu de que a eliminación dos pasos tal e como está prevista podería deixar o barrio con accesos insuficientes, incluso para vehículos de emerxencia, ademais de complicar a conexión peonil co resto do núcleo urbano. Entre os prexuízos sinalados figuran a inutilización da fonte pública, fóra de servizo pola obstrución do sistema de desaugadoiro, a acumulación de entullos e sedimentos que manteñen as cunetas colmatadas e o rego bloqueado, co consecuente risco de inundacións e deterioración da estrada. A veciñanza reclama tamén a creación inmediata dun paso peonil seguro que evite o illamento da zona. A iniciativa foi aprobada por unanimidade.

Na mesma sesión saíu adiante outra moción, presentada polo BNG, para instar ao Concello a executar actuacións urxentes nas beirarrúas e na rede de saneamento da rúa da Liberdade. O seu portavoz, Efrén Castro, advertiu de que o deficiente estado destas infraestruturas está a provocar humidades e filtracións en varios garaxes privados, especialmente na contorna da oficina de Correos. Segundo explicou, diferentes comunidades de propietarios levan anos trasladando esta problemática ao Concello e ao alcalde sen que, ao seu xuízo, se materializasen as solucións prometidas, o que está a causar un prexuízo continuado nos inmobles afectados.

A proposta nacionalista contempla a redacción inmediata dun estudo técnico sobre o estado do saneamento nese treito da rúa e a execución sen demora das obras necesarias para poñer fin ás filtracións. A moción contou co apoio unánime da corporación, aínda que o PP lembrou que tamén existen problemas semellantes en rúas como San Eufrasio e Diego Pazos, mentres que desde Camiña Sarria apuntaron que hai outras beirarrúas con deficiencias, incluídas vías competencia da Deputación de Lugo, como a rúa Xela Arias. Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Borja García, asegurou que cada ano se realizan auditorías de saneamento para detectar fugas ou filtracións na rede de sumidoiros e que na rúa da Liberdade non se detectou ningunha incidencia, aínda que recoñeceu a existencia das filtracións e comprometeu a execución de obras para paliar a situación.

O pleno abordou tamén unha iniciativa do PSOE para solicitar explicacións públicas a Camiña Sarria e ao Partido Popular sobre o seu acordo político, estruturado en 15 puntos. Os socialistas pretendían someter a votación o posicionamento dos distintos grupos a favor ou en contra do pacto. O BNG rexeitou pronunciarse, ao considerar que non corresponde debater en pleno un acordo entre dúas formacións alleas, aínda que manifestou que todo investimento para Sarria é positivo, malia non compartir o contido do pacto.

Desde o PP defenderon que, transcorridos 5 meses, o plan é realista e ambicioso, e que xa se advertira de que algúns proxectos excederían a duración da lexislatura. Subliñaron que hai iniciativas que non dependen exclusivamente do ámbito municipal, como as infraestruturas ferroviarias ou o desbloqueo do polígono industrial, competencia do Goberno central, pero que se inclúen como compromiso para impulsar solucións e estratexias. Entre os proxectos en marcha citaron o Estadio da Ribela e o compromiso expreso da Xunta para mellorar o patio e o pavillón do CEIP Frei Luis de Granada, ademais de anunciar próximas novidades respecto á residencia de maiores. Tamén acusaron o PSOE de non impulsar actuacións como a segunda fase do polígono do Morelle.

O portavoz socialista, Benjamín Escontrela, cualificou o acordo de “propaganda”, mentres que Carmen defendeu que ambas formacións actúan con “altura de miras”, pensando no Sarria de 2030 e en deixar unha pegada que mellore a vida da veciñanza, máis alá de quen goberne. Sinalou que en maio de 2027 serán os veciños e veciñas quen valoren se consideran o pacto unha manobra política ou un esforzo conxunto polo ben do municipio. O alcalde, Claudio Garrido, subscribiu estas palabras e asegurou que, se a cidadanía non percibe resultados, castigaraos nas urnas, e se os hai, tamén quedarán reflectidos.

0.11547899246216