As reservas de biosfera independentes da Xunta tamén optarán aos fondos Next Generation
As dúas reservas de biosfera galegas que contan con órganos de xestión independentes da Xunta —Terras do Miño e Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá— tamén poderán optar aos fondos europeos do programa Next Generation reservados para a mellora e posta en valor destes espazos naturais.
Así llo trasladou esta semana a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos representantes dos organismos xestores das catro reservas galegas, cos que mantivo unha xuntanza para anunciarlles que con este obxectivo, o seu departamento convocará proximamente unha orde de axudas por un importe global de 1,85 millóns de euros.
En concreto, explicou que esta liña estará reservada a aquelas reservas de biosfera que non xestiona de forma directa a Xunta e que as actuacións elixibles ao abeiro desta convocatoria —que se fará en réxime de concorrencia competitiva— deberán ir dirixidas á xestión, promoción e xestión destes espazos, podendo cubrir ata o 100% do seu custo.
Así mesmo, no caso dos outros tres espazos galegos amparados baixo esta figura internacional —a Reserva de Biosfera transfronteiriza Xurés-Gerês; río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel—, a directora xeral de Patrimonio Natural lembrou que disporán dunha partida de 1,37 millóns de euros que se canalizarán a través un plan de actuacións no que xa está a traballar a Consellería e que incluirá medidas de impacto nos tres ámbitos.
As sete reservas de biosfera, de calquera xeito, tamén se poderán beneficiar dunha segunda orde de axudas dirixida a concellos e asociacións ou comunidades de montes que promovan accións de conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, de fomento do desenvolvemento sustentable e da mellora do patrimonio cultural.
En definitiva e tendo en conta as dúas ordes de axudas e o plan de actuacións da Xunta nos tres espazos baixo a súa xestión, Galicia disporá de máis de 6,4 millóns de euros para impulsar actuacións de posta en valor das súas reservas de biosfera, que suman 1,03 millóns de hectáreas terrestres e representan máis dun terzo da superficie galega.