As traballadoras da residencia de Sarria estudan emprender accións legais despois de recibir a copia dos expedientes da investigación
As traballadoras da residencia Nosa Señora do Carme de Sarria estudan emprender accións legais contra Benjamín Escontrela despois de recibir a copia dos expedientes relacionados coa investigación, que no seu día o edil Benjamín Escontrela, ordeu a un detective durante periodos de baixa laboral destas traballadoras.
Entre as traballadoras afectadas existe unha profunda indignación e malestar despois de comprobar como foron seguidas por un detective nos seus que faceres ordinarios e en actividades absolutamente privadas e alleas á súa vida profesional.
As traballadoras considéranse vítimas dun seguimento e acoso por parte de Escontrela, "seguemento que nalgún caso mesmo ate se realizou en dous periodos diferentes", explican desde a CIG.
"Ademais da espionaxe, as traballadoras foron obxecto de continuas difamacións en perfís de redes sociais próximos ao entorno do Sr. Escontrela" sosteñen. Ademais, denuncian que Escontrela non se desculpou coas traballadoras, algo que as mesmas esixen.
Así, as traballadoras afectadas estudarán agora as acción legais correspondentes contra Benjamin Escontrela, xa que entenden que a súa intimidade foi violada, que o detective tivo acceso a documentos privados das mesmas, e que foron obxecto dunha campaña difamatoria que atentou contra a súa profesionalidade e honorabilidade.
"Desde a CIG amosamos o total e absoluto apoio a todos o niveis a estas traballadoras, e tal e como xa denunciamos publicamente no seu día, entendemos que a contratación dun detective para investigare espiar ás traballadoras en situación de baixa foi unha decisión absolutamente mezquina por parte do Sr. Escontrela", sosteñen desde a CIG.