As Xornadas Xurídicas de Sarria analizan a reforma da xustiza fronte aos desafíos do século XXI

SarriaXa
O evento conta tamén con recoñecemento universitario: o alumnado da UNED de Lugo poderá computar a súa asistencia como 10 horas lectivas
Xornadas-Xurídicas-Sarria-2025
5 Jun 2025

As XVIII Xornadas Xurídicas Román García Varela de Sarria abriron este mércores unha nova edición centrada nos retos que afronta a reforma da xustiza na sociedade do século XXI.

Esta cita, xa consolidada como un referente no calendario xurídico estatal, volve converter a Sarria nun punto de encontro para profesionais, académicos e estudantes do ámbito legal.

Grazas á colaboración da Deputación de Lugo, que apoia estas xornadas desde os seus inicios, as sesións retransmítense en directo por streaming, o que permite ampliar a súa proxección e facilitar o acceso ao coñecemento xurídico desde calquera lugar. O evento conta tamén con recoñecemento universitario: o alumnado da UNED de Lugo poderá computar a súa asistencia como 10 horas lectivas.

No acto inaugural, celebrado na Casa da Cultura, participaron representantes institucionais de primeiro nivel, como o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, salientou o papel de Sarria como “centro xurídico e espazo de irradiación de coñecemento”, e defendeu a importancia deste tipo de encontros para construír un dereito “vivo, comprometido cos retos reais da sociedade”. Rivera apelou tamén a reforzar a independencia xudicial e a separación de poderes fronte aos discursos autoritarios, lembrando que “a xustiza non é só un servizo, é unha promesa democrática”.

As xornadas continuarán ata o vindeiro venres 6 de xuño cun programa que reúne voces autorizadas do ámbito xurídico estatal e reflexiona sobre cuestións de máxima actualidade, como a intelixencia artificial, os delitos dixitais ou a loita contra a violencia machista.

⚙ Configurar cookies
0.1500461101532