Ascensión Romero, directora do Coro Sarricanta: “A música non é música se non che transmite sentimento”
Por Jessica Fernández
O Coro Sarricanta fórmase en 2003 despois de que un grupo de persoas que formaban parte do coro da Asociación Cultural Donicela, que xa non existe, decidiran crear un coro pola súa conta. “A partir de aí decidimos xuntarnos un grupo de amigos e empezamos a ensaiar con Ascensión Romero como directora, que o segue sendo a día de hoxe. Despois, constituímonos como Asociación Sarricanta cunha actividade ligada ao coro”, explica Elvira Pallares, presidenta de Sarricanta.
Cando empezou a súa andaina eran arredor de 10-15 persoas e agora pasan das 30 persoas as que forman parte tanto do coro como da asociación. “Temos outras actividades como asociación que non teñen que ver co coro, pero a actividade principal fundaméntase no coro”. Así, tanto a presidenta da asociación, Elvira Pallares, como a directora do Coro, Ascensión Romero, destacan que desde o Coro organízase o Día das Letras Galegas en Sarria: “Queríamos que gañara presenza en Sarria o Día das Letras Galegas e impulsamos a organización desde aquela ata hoxe”. Ademais, tamén participan na Festa dos Maiores, no concerto de Fin de Ano, fan a Misa do Peregrino do 25 de xullo e “sempre que nos precisan estamos aí, colaborando cos eventos nos que nos chaman e con outras asociacións", explica a directora.
Así, agradecen a colaboración do Concello de Sarria, da Deputación de Lugo, a través do programa Tradigalu; da Xunta, a través de Política Lingüística, e doutros concellos para poder desenvolver as diferentes iniciativas. Tamén destacan a axuda da Sociedade Cultural La Unión, cuxo edificio acolle a celebración de diferentes eventos da asociación e doutras asociacións, así como algunhas festas que “recollen a cultura do asociacionismo en Sarria”. En concreto, “intentamos traer moitas actividades para Sarria dentro das nosas posibilidades, xa que Sarria se move en cultura grazas ás asociacións”, poñen en valor.
Por outra parte, tamén organizan actividades como asociación á marxe do coro, como a organización dun curso de talla e madeira, de ourivería, outro de pintura... O curso de talla e madeira sempre se facía na Feculera, pero agora que esta entidade xa non forma parte do Concello de Sarria, “non sabemos que vai pasar, xa que na Casa da Cultura non hai sitio, non hai moita luz, vai moito calor...”.
AS NECESIDADES DE SARRICANTA
Por isto, desde Sarricanta destacan a necesaria colaboración coa Igrexa do Rosario, xa que alí é onde se producen a meirande parte dos concertos que dan como coro. “A colaboración de Sarricanta coa Igrexa do Rosario é xa de moitos anos. Nós sempre tivemos contacto con eles porque a Igrexa do Rosario é o auditorio que temos. Aquí en Sarria non temos auditorio, entón o noso auditorio é a Igrexa”. A Igrexa do Rosario tamén serve como auditorio para a Banda de Música de Sarria ou para artistas como Abraham Cupeiro, porque hai boa acústica. Ademais, “noutros espazos como a Casa da Cultura non hai espazo para acoller á veciñanza”, explican.
Así, din que non é algo só de Sarricanta, senón que “todas as asociacións pedimos o mesmo: un lugar para desenvolver o noso labor e actividade e un lugar onde poder actuar, porque Rebuldeira Teatro para representar as súas obras tamén necesita un espazo”. Porén, din que non é un tema de cores, “o tema do auditorio era algo que levaban todos os partidos políticos nos seus programas, pero non hai verdadeira vontade para conseguilo, porque se deberían unir todas as institucións: o Concello de Sarria, a Deputación e a Xunta de Galicia, para promover que en Sarria, coa cantidade de movemento cultural que hai, contemos cun auditorio. Os cartos hai que investilos no que a veciñanza necesita e que se poñan de acordo todos os partidos políticos da corporación; é un tema de vontade política”, sosteñen.
Así, destacan que en Sarria “somos un pobo cunha virtude cultural enorme e todas asociacións tradicionais necesitamos un auditorio para seguir fomentando a nosa actividade. Incluso se poderían facer eventos máis grandes”.
Por outra parte, destacan que a Igrexa do Rosario “para nós é moi importante porque é o noso auditorio e actuamos aí, pero ten necesidades, porque a xente que vén a ver á nosa actuación necesitan calefacción, luz, o sistema de son... e hai que pagalo; polo que hai que mellorar as cousas. A ver se entre todos podemos facer unha forza para que as institucións e os veciños colaboremos para mellorar a Igrexa do Rosario para que poida seguir sendo o noso auditorio. Desde a Igrexa sempre colaboraron con nós de maneira gratuíta e sempre lle dixeron que si ao Concello de Sarria, e hai que agradecerlles o labor que fan polas asociacións e as bandas”, destacan.
O TRABALLO DO CORO
Desde Sarricanta cren que a cidadanía de Sarria está “encantada con nós como asociación e apúntanse moitas persoas ao coro e nunca dicimos que non, sempre acollemos a todo o mundo que quere vir e estamos abertos a que formen parte da nosa familia e a cota anual son 25 euros por familia”.
Dentro do coro, a directora destaca que hai todo tipo de voces e “intentamos ensinar a cantar a todo o mundo. Hai xente que canta peor ou mellor, pero acollemos a todo o mundo a quen lle gusta cantar e hai que mellora moitísimo co tempo. Tennos dito que facemos un traballo espectacular co coro”. Así, Ascensión Romero destaca que “o que máis me move a seguir traballando é que me sinto arroupada pola xente que teño arredor, valóranme como artista e como persoa e iso é o máis importante”. E continúa poñendo en valor que “a música non é música se non se saca o sentimento. Hai que oíla, sentila e transmitila; a música non é música de por si, hai que facela, e o noso segredo quizais sexa ese, elixir moi ben as cancións que todo o mundo coñece e cantalas en castelán ou galego porque eu coa música quero transmitir unha mensaxe e que a xente sinta esa mensaxe e a entenda. A xente emociónase e iso é importante. A quen o fai mellor, dáselle máis carga e uns arrimados aos outros, van aprendendo, e o coro sona bonito”, puntualiza.
Así, o coro xúntase un día á semana durante dúas horas, máis ou menos, para ensaiar e celebran aniversarios e ocasións especiais xuntos, así como van comer todos xuntos cando van cantar. “Comemos todos xuntos e tamén coas familias das persoas que forman parte da asociación e facemos unha foliada, porque todos somos unha gran familia”, explican. Ademais, destacan que se moven moitas veces, non só actúan na Igrexa do Rosario, tamén van a concellos da comarca de Sarria, da provincia de Lugo e teñen ido ata Madrid. “Tamén fixemos un disco de música para celebrar os 20 anos do coro, que foi financiado integramente por Política Lingüística da Xunta”.
AS FESTAS DO ROSARIO
O Coro Sarricanta será un dos protagonistas das Festas do Rosario, que están organizadas por unha comisión da que forman parte Ascensión Romero, o cura Carlos da Igrexa do Rosario, Carlos Vilariño, Kevin Abuín, Jefferson Castillo e Adrián López.
Así, o párroco Carlos explica que esta festa sempre se celebraba o día 7, pero houbo un parón de moito tempo sen celebrarse. Por iso, despois da pandemia, coa necesidade da veciñanza de saír das súas casas e volver celebrar, púxose de novo en marcha esta celebración, sendo a terceira edición este ano e con “moitas ganas”. “Celebramos a Virxe do Rosario e cremos e vivimos xuntos todos os aspectos da vida”, sostén o cura.
Desta maneira, a festa comezará coa misa solemne ás 12.00 horas coa participación do Coro Sarricanta e, despois, terá lugar a procesión e sesión vermú da man da Banda de Música de Sarria. Logo, será o momento da comida popular e, pola tarde, haberá sorteos e actividades infantís. Finalmente, o día rematará coa festa a cargo da banda Louband e despois será a quenda de Dj Marcos OM.
“A idea é xuntarnos e curar esas feridas de estar en casa pechados e festexar. A Festa do Rosario faise no propio pobo e virán todos os veciños e veciñas a comer. Ter un día de festa é moi importante, é moi familiar e xúntanse grandes familias”. Así, comenta que as entradas vanse en nada e que o luns, 7 de outubro, é o último día para reservar entrada para a comida popular, que se poderá adquirir na igrexa, no Bar Cubano, na Ferretería Central e en Electro Vir. “Contamos con reunir moitas persoas na comida popular da festa”, estima o párroco.
Outro dos organizadores das festas, Carlos Vilariño, sostén que “temos moitas ganas de que se celebre a festa porque é un día moi bonito e, aínda que a organización é complexa, a festa é preciosa. Ademais, queremos poñer en valor a implicación dos comercios e establecementos de Sarria, que se implicaron moitísimo. Sorprendeunos que a reacción da xente non foi negativa, senón todo o contrario, animándonos a seguir e dándonos diñeiro para poder levar a cabo a iniciativa. A Festa do rosario é marabillosa, o ambiente é festivo sen conflitos, ademais que é a última festa do ano. Hai que darlle relevancia a estas festas que podemos facer os veciños e compartir é moi bonito”, pon en valor.
En definitiva, os integrantes da comisión de festas do Rosario e as representantes de Sarricanta valoran o ámbito cultural de Sarria e o asociacionismo, que “é moi importante porque colaboramos uns cos outros e fomentamos que siga habendo cultura, non nos pisamos, poñémonos de acordo e decidimos cando facemos as cousas. É unha relación marabillosa”.