Así foi o encontro dos ciclistas en Sarria como preludio do Gran Camiño
Sarria iniciou a conta atrás para O Gran Camiño cunha ruta ciclista polo trazado da cuarta etapa da volta profesional a Galicia, que se disputará o vindeiro 27 de febreiro.
Un grupo de ciclistas de DHG Team, Club Ciclista Cidade de Lugo e Triatlón Cidade de Lugo Fluvial participaron na iniciativa, promovida pola Deputación de Lugo, que patrocina o paso da proba por Sarria.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, e o ex-ciclista profesional Ezequiel Mosquera, impulsor do Gran Camiño, sumáronse ao grupo, que percorreu o trazado previsto para a contrarreloxo que decidirá a proba.
Trátase de 15,8 quilómetros con saída do casco urbano de Sarria, con tramos nas estradas LU-P-5707 e LU-P-5602,, coincidindo co trazado do Camiño de Santiago, e volta á vila para alcanzar a meta, situada na Rúa do Castelo, na cima do casco histórico, fronte as icónicas letras de Sarria.
O deputado de Deportes Efrén Castro explicou que “O Gran Camiño suporá unha oportunidade única para proxectar Sarria para como punto de referencia do Camiño de Santiago, incluso a nivel internacional, porque a proba traerá aquí algúns dos mellores equipos profesionais do mundo”
O responsábel provincial agradeceu “a participación dos clubs na ruta, coa que buscamos tamén que o mundo do ciclismo afeccionado e de base se sinta partícipe deste gran evento deportivo e se achegue o día 27 a Sarria”.
O Gran Camiño, que se celebrará do 24 ao 27 de febreiro pretende recuperar un espazo propio para o ciclismo galego no calendario internacional. A localidade sarriá acollerá, o día 27, a cuarta etapa desta volta a Galicia, unha contrarreloxo que se prevé decisiva para o desenlace da rolda.
Antes, o pelotón internacional realizará outras tres etapas, polas provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense. A organización confirmou a participación na proba de equipos como o Movistar, Cofidis, Euskaltel-Euskadi, Start Up Nation, Education First ou Tavira.