Asociación Crearte: “Promovemos un espazo de cohesión social no que apostamos pola creatividade”

SarriaXa
Verónica Quintela López, presidenta da Asociación Cultural Crearte, destaca a importancia do colectivo, que ten como obxectivo ser un punto de unión entre o rural e o urbano
Crearte-Sarria
25 May 2025

Jessica Fernández

Con que motivación xorde a Asociación Crearte?

A Asociación Cultural Crearte naceu en agosto de 2010 da man dun grupo de persoas que tiñamos afinidade e ganas de crear un espazo no que primase o desenvolvemento persoal propio e do grupo, é dicir, un lugar onde poder medrar interiormente e enfocado a facer unha actividade máis espiritual. Crearte é un espazo pensado para xerar contextos para o desenvolvemento artístico, a creatividade e a recuperación do patrimonio material e inmaterial do territorio. É un lugar de cohesión social, de diálogo e encontros. Pretendemos ser un lugar de unión entre o rural e o urbano que dá apoio á investigación e á formación artística, así como ao coñecemento e uso do corpo e o respecto polo medio natural. Así, como ben di o seu nome, Crearte é un espazo onde fomentamos formas de volver crearnos.

Como foi a evolución desde os inicios ata agora, 15 anos despois?

A Asociación foi evolucionando, xa que ao principio non tiñamos moita actividade e facíamos as nosas propostas na Sociedade La Unión, en Sarria, e agora conseguimos un espazo, A Palleira, en Manán, co fin de conectar o urbano co rural. Así, un dos obxectivos do colectivo sempre foi e segue sendo dinamizar o rural e conseguir unha interacción entre a xente do urbano coa do rural, que moitas vexes no rural estamos necesitados de que pasen cousas, polo que queremos que a cultura tamén chegue ao rural.

Cales son outros obxectivos da asociación?

O obxectivo principal é ofrecer un espazo de crecemento, de conciencia e de respecto a nós mesmos, no que estean aí os coidados ao noso corpo e tamén aos dos demais; así como o coidado da natureza. Queremos xerar espazos e contextos de diálogo e tranquilidade para fuxir da rutina e do estrés diario do traballo e da vida en xeral, conectando de novo co lugar de onde vimos e esquecéndonos das preocupacións, que estamos demasiado ocupados. Outro obxectivo é o vinculado ao tema artístico, xa que nos parece moi importante fomentar o desenvolvemento da creatividade e das artes en xeral, e na natureza o respecto á natureza. Tamén é importante transmitir o amor polo rural, pola lingua galega e polo patrimonio material e inmaterial da nosa terra. E, por último, é moi importante promover a interxeracionalidade, xa que a conexión entre as distintas idades posibilita a aprendizaxe entre vellos e novos.

Entón, a arte e a concienciación son os piares dunha sociedade sa?       

Si, para nós a arte é moi importante, porque esta ligada coa creatividade e esta é fundamental para deixar ser ao individuo. Sempre nos axuda a abrir a mente á vez a ser conscientes do que pasa ao noso redor para respectar a todas as persoas, a natureza e o patrimonio, que é clave para unha boa convivencia en sociedade.

Que actividades organizan?

Adoitamos facer exposicións, obradoiros, recollidas de lixo, xogos libre na natureza cos nenos, organizamos xornadas de música, temos unha actividade que se chama ‘manta e chocolate’, na que traemos obras de teatro, cine... co obxectivo de pararnos un pouco, observar e logo reflexionar ou dialogar tranquilamente con outra xente. Facemos actividades para todas as idades, e as actividades para os nenos inclúen a participación das familias para que desfruten xuntos. Ademais, estamos abertos a calquera tipo de evento artístico que nos propoñan ou que vexamos interesante. Pero unha das actividades máis importantes son as residencias artísticas que se desenvolven na Palleira. Estas axudan a mesturar xente do urbano e o rural e tráese arte ao rural, polo que cumprimos os nosos obxectivos e é unha maneira de enriquecemento persoal e social.

É importante esta asociación para Sarria?

Para nós é moi importante porque conectamos a xente do urbano da vila coa xente do rural e tamén xente que vive en Sarria pero que vén doutros sitio, polo que hai unha mestura de persoas interesante que sente inquedanza polas nosas actividades no lugar de Manán, dinamizando o rural.

Como visualizan o futuro?

Queremos seguir como ata o de agora, cumprir outros 15 anos e seguir sumando xente que se anime a participar das actividades de Crearte. Agora mesmo somos arredor de 30 persoas e cremos que podemos aportar máis a máis xente. Ademais, temos en mente organizar un novo ciclo de cine ‘Cinema na Palleira’ con propostas en galego-portugués, e tamén temos en mente promover campamentos cos nenos. Para iso, é imprescindible a axuda das institucións, como o Concello de Sarria, que nos axuda cando o precisamos, por exemplo, cando organizamos un concerto de Camela, e tamén estamos presentes no San Xoán de Sarria, xa que elaboramos os cabezudos que saen polas rúas a amenizar as festas patronais. E isto lévanos moito tempo, porque o facemos de forma tradicional. Á xente gústalle moito porque é un feito bastante emblemático do pobo e para nos é unha experiencia moi bonita participar nas festas patronais con personaxes relacionadas con Sarria. Este ano, ademais, elaboraremos un novo sobre a figura de Matías López como homenaxe ao seu 200 aniversario. En definitiva, queremos seguir así e ir medrando nas nosas inquedanzas, que temos moitas, pero pasiño a pasiño e sen estresarnos.

⚙ Configurar cookies
0.18474102020264