Asociación de Veciños de Trascastro: “Ler é un pracer e por iso un dos obxectivos é transmitilo”
Coñecemos o Club de Lectura ‘Os Alfabetos’, promovido pola Asociación de Veciños de Trascastro do Incio.
Como xurdiu a idea de promover un club de lectura?
Xurdiu a idea unha tarde por parte dun dos compoñentes, pensando en que cousas podiamos facer aquí onde vivimos e que sirvan de unión, encontro, e disfrute as persoas que gustan da lectura; ademais de compartir o lido con persoas de distintas idades e diversos posicionamientos vitais.
Pensamos que formar parte dun club de lectura axuda aos seus participantes a aprender sobre libros, desenvolver habilidades verbais, mellorar a comprensión lectora e compartir coñecementos, sen olvidarnos de que no mundo rural o illamento é cada vez máis grande.
Cando levaron a cabo a idea?
Comezou a súa andaina no mes de xaneiro coa primeira xuntanza no local da asociación, así xa tiñamos onde faser as reunións, e con seis compoñentes; pero neste momento xa somos dezaseis.
De que forma a levaron a cabo?
Comezamos facendo un grupo de WhatsApp onde nos iamos apuntando e deixando información e mesmo libros en formato PDF.
A partir de aí comezou a andaina.
Por que ‘Alfabetos’?
É un nome que, ademais de que soa ben, expresa a idea ou a intención do club, que non é outra que o interese polas letras, a cultura e a lectura.
Ademais, en contra do que moitas veces se pode pensar, pon de manifesto que no rural tamén hai persoas con inquedanzas relacionadas coa cultura.
Onde se desenvolve o servizo?
Desenvólvese no local da Asociación de Veciños de Trascastro, A Casilla.
Que actividades fan?
Organízase o club de lectura sen data concreta, poñémonos de acordó por wpp, e tamén facemos o magosto.
Con que frecuencia?
O club de lectura ten unha frecuencia mensual.
A quen está dirixido?
Está dirixido a todas aquelas persoas que sentan a necesidade de xuntarse e compartir esas inquedanzas.
O rango de idade é de a partir de 18 anos ou polo menos coa capacidade para ler libros de adultos.
Pero temos máis ben xente adulta porque coinicide que a xente máis maior ten máis ganas de facelo.
Que obxectivos ten?
- Compartir emocións e sentimentos.
- Desenvolver as habilidades lectoras dos seus membros.
- Ler é un pracer compartido; un dos obxectivos dun club coma este é transmitir aos seus participantes o pracer da lectura.
- A flexibilidade e a apertura de ideas, dar oportunidade a que todos compartan as súas ideas.
- Compartir a afección pola lectura e difundila para que chegue a máis xente. Deste xeito, non só desenvolveremos a capacidade lectora das persoas da nosa comunidade, senón que crearemos espazos onde os lectores poidan gozar e aprender a través dos libros.
- Que o rural teña espacios de encontro para os seus habitantes e así dinamizalo na medida do posible.
Quen forma parte deste proxecto?
Todas aquelas persoas que comparten estes obxectivos e teñen certas inquedanzas.
Como é a convivencia cos veciños, apúntanse ás actividades?
Estamos moi ben acollidos polos veciños e polo alcalde do Incio, temos apoios institucionais.
O alcalde está colaborando en todo o que pode no local, que é do Concello e se necesitamos bibliotecas contamos co seu apoio.
Os veciños dinnos que a idea é moi bonita.
Que proxectos de futuro teñen?
A idea do club é que siga avanzando e facer algunhas xornadas de concienciación para a limpieza da contorna e xuntarnos con outros colectivos como Xeitosas e outros colectivos.
Queremos facer unha obra de teatro, traer algún poeta que nos faga algunha lectura.