Asociación de Veciños de Vilaragunte: “Se non xeramos actividades, o rural de Galicia morre”

SarriaXa
David Rivera e Suso poñen en valor a acción cultural e social que xeran os colectivos nas parroquias
Asociacion-Veciños-Vilaragunte-Paradela
27 Jul 2025

Jessica Fernández

No ano 2018 unha conversa entre catro amigos deu pé á creación da Asociación de Veciños de Vilaragunte, no Concello de Paradela. David Rivera López, o seu presidente, lembra perfectamente como xurdiu todo: “Xuntámonos catro amigos e dixemos: Por que non creamos unha asociación veciñal para promover a actividade cultural e a festa?”. Aquela semente non tardou en dar froito.

A primeira iniciativa chegou coa celebración da Festa da Xuventude, que se segue organizando, e desde entón a asociación non deixou de medrar. Con iniciativas que abranguen desde o Entroido ata o Nadal, pasando por galas benéficas e outras celebracións, a entidade conseguiu consolidar unha programación anual que reúne aos veciños da parroquia e tamén a moita xente doutras zonas.

A pandemia da covid obrigou a facer un parón, pero tamén serviu para transformar a antiga escola nun centro social con todas as condicións: “Convertemos a antiga escola nun local social amplo e que conta con servizos. Puidemos facelos grazas ás institucións, sobre todo ao Concello de Paradela e á Xunta de Galicia”, explica Rivera. Ese local, inaugurado no 2021, converteuse no corazón da vida comunitaria. Alí organizan a festa de Entroido en febreiro, a gala benéfica contra o cancro celebrada 2022 e a xa tradicional festa da xuventude en abril, así como o Nadal en decembro.

“O importante é xuntar aos veciños”, afirma o presidente, quen destaca que actualmente a asociación conta con máis de noventa socios e unha directiva formada por cinco persoas. Un dos obxectivos fundamentais da entidade é precisamente ese: recuperar o espírito comunitario. “Perseguimos que a xente que veña, caracterizada desde os 6 ata os 80 anos, e que participe. Parece unha tontería, pero á xente lle gusta porque sacas á xente da casa para que se relacione un pouco máis. Así, ves que participan e colaboran”, conta Rivera, que insiste na importancia de recuperar as relacións de antes: “Facemos por xuntar aos veciños e poder botar un conto e falar como se facía antes, porque antes non había televisión e falabamos cos veciños, e agora non falamos entre nós”.

A asociación ten raíces na parroquia, pero tamén se ramifica. Entre os socios hai persoas doutras parroquias e incluso veciños de Sarria ou Lugo que, aínda vivindo fóra, participan activamente nas festas e actividades. A colaboración é constante tamén coa comisión de festas, que organiza o magosto en outubro e as festas patronais. Incluso membros da asociación forman parte tamén desa comisión, e entre todos manteñen activo un grupo veciñal para difundir información útil e relevante.

A IMPORTANCIA DA ASOCIACIÓN

Preguntado sobre a importancia da asociación para Paradela, Rivera é claro: “Non é que sexa importante para Paradela, é para toda Galicia, xa que é unha terra que se está quedando sen poboación no rural. E, se non xeramos eventos, isto morre”. A súa reflexión vai máis alá da simple festa. “Temos que facer que isto perdure, o despoboamento é palpable. Cando eu era pequeno había 300 nenos no colexio, agora hai 50. Pénsase que só facemos festas, pero xuntamos á xente e compartimos, e iso é interesante para o pobo e para toda Galicia. Todas as asociacións parroquiais poñen en valor o que ten cada un”.

Na parroquia, a actividade tamén se ve influída pola presenza de parques eólicos como Paradavento, participado polo Concello de Paradela. Porén, as necesidades do rural seguen sendo urxentes: “Fan falta máis axudas ao rural en xeral: en festas, aos comuneiros, en camiños, pistas forestais, pistas rurais. Hai que poñer máis en valor a zona rural con máis servizos. Se queres que a xente vaia ao rural, non podes depender de facer 40 km para acceder a un servizo en xeral”, reclama.

En canto ao futuro, a asociación ten plans ambiciosos. “Gustaríanos facer algunha cousa máis pero estamos pendentes de obter axudas, xa que fixemos unha inversión moi grande para facer o centro social e pedimos axudas para dispoñer de mesas e cadeiras, para un equipo de música, unha televisión…”, explica. Por iso, insisten, “fan falta recursos, como material, mobiliario, pero tamén apoio para que as ideas poidan converterse en realidade.  Con ese material agardan poñer en marcha novas actividades: “Gustaríanos facer un curso de cociña cando teñamos mesas e cadeiras, queremos comer comida saudable, por iso os cursos. A nivel informática tamén nos gustaría, porque hai que moverse nese sentido”. En definitiva, a previsión é clara: manter as actividades fixas como o Nadal, e continuar traballando para que Vilaragunte siga sendo un lugar de encontro, convivencia e cultura.

⚙ Configurar cookies
0.16836905479431