Asociación Huhú: “O obxectivo é impulsar un proxecto de arte contemporánea desde o interior de Galicia”

SarriaXa
Falamos con Alba López, parte da directiva da Asociación Cultural Huhú de Sarria, que pon en valor este ano e medio de traballo en favor da arte na comarca
Asociación-Cultural-Huhu-Sarria
8 Jun 2025

Jessica Fernández

Como xorde a iniciativa de crear esta asociación?

Xorde como unha iniciativa no 2023 presentada por Toño, Lois e Rubén, os impulsores, que se realizou no Garaxe. Así, lanzamos a primeira aposta, que foi presentar un proxecto de Trienal, que ten moita proxección. Nese sentido, creouse a asociación co ánimo de impulsar a Trienal. En xuño do ano pasado conseguimos xa as instalacións e fixemos a presentación de A Sede. Realmente, somos das poucas asociacións culturais en Sarria que teñen un local propio, o que tamén nos permite ser independentes e programar o que queiramos. Facemos a nosa programación con liberdade. Outra cousa é que tamén colaboremos con outras institucións ou asociacións. Cedemos eses espazos, ou ás veces tamén saímos fóra co programa ‘Fóra Sede’. Pero parte do noso proxecto ten a identidade ancorada no propio espazo.

Quen son os ideadores desta iniciativa?

Na directiva hai perfís moi variados. Toño de López é o presidente, ten a súa obra creativa, é fotógrafo, ten obra independente e, ademais, é promotor e impulsor do proxecto Xarope, que acaba de cumprir 30 anos. Lois ten unha editorial independente chamada Lauda Negra, centrada sobre todo en fotolibros. Rubén é artista contemporáneo. María Covadonga é profesora de Belas Artes en Pontevedra e ten conexión con Sarria. Temos tamén a Menchu, cunha longa traxectoria no impulso de proxectos sociais de cooperación. Ela achega outra perspectiva. Eu, por exemplo, son avogada, traballo nun despacho de propiedade industrial e intelectual. Logo temos a Marcos Bello, que ten un grupo de música e traballa nunha empresa de augas. Temos outra colaboradora que traballa en temas de economía social e impulsa a financiación mediante micromecenado. Esa é un pouco a nosa fortaleza: nutrímonos uns dos outros.

Cales son as súas actividades que vertebran o colectivo?

Organizamos actividades como obradoiros interxeracionais, presentacións de libros e de fanzines que teñen que ver coa cultura alternativa e co patrimonio, como estudar a historia da máscara. Gústannos os obradoiros, sobre todo os interxeracionais, porque vemos dinámicas moi potentes. Outras ofertas culturais adoitan estar moi segmentadas por idades, e nós vimos dinámicas preciosas nos obradoiros interxeracionais que fixemos ata agora. O fanzine Macheta, por exemplo, supuxo impulsar un proxecto dos anos 90 e nel participan todas as persoas interesadas, que poden enviar as súas páxinas e vir tamén maquetalas. Despois hai unhas xornadas de montaxe do fanzine colaborativa na que editamos e distribuímos a cambio da vontade, e quen participa ten dereito a un exemplar. Ten moito éxito. Hai xente que nos pide facer un Macheta Legacy para recuperar os números dos anos 90, e é unha petición popular que estamos valorando. Coa vontade compénsase o investido nesa actividade.

Pero falaba antes de que Huhú nace arredor da proposta Trienal.
Si, a Trienal é un trienio, un paraugas temático que abrangue tres anos e cinco bloques expositivos, cada un cun enfoque dentro dese tema común. O que se inaugurou en outubro e durou ata xaneiro foi o primeiro bloque. O 17 de xuño inaugúrase a exposición central do segundo bloque expositivo, que vai ser moi potente. Logo, teremos un terceiro bloque cara a finais de ano, sobre outubro-novembro ata xaneiro. E dous bloques máis o ano que vén. Cada bloque expositivo está comisariado por un programador que selecciona os artistas segundo o seu enfoque e interpretación da temática común. Na primeira parte, a curadoría foi feita desde Huhú cunha selección diversa que incluía unha mensaxe de reflexión sobre o traballo, o anticolonialismo e os movementos sociais. Había unha reflexión sobre como se apoia unha queixa na arte espontánea das manifestacións. Santi López fixo unha foto brutal que sería digna de National Geographic. É dicir, en Láncara pode ocorrer unha obra de arte contemporánea importante. Agora, no segundo bloque, o comisario é José Luis Toboso, que traballa sobre todo en Portugal, e vén con catro artistas. E, entre o segundo bloque e o terceiro queremos facer unha exposición de artistas sarriaos, polo que estamos traballando nesa idea de localizar artistas do noso entorno, integralos achegando talento local e construíndo un relato conxunto con artistas recoñecidos doutros países. Entre medias, colaboraremos con outras institucións, faremos visitas guiadas e actividades paralelas de reflexión.

Hai xente en Sarria facendo cousas moi interesantes

É dicir, tamén están abertos a colaborar con outras entidades.

Si, estamos abertos a colaborar con todas as asociacións, como a Asociación Crearte, a Rúa da Música, O Buril… Con estes, concretamente, temos sinerxías, pero estamos abertos a colaborar con calquera asociación da comarca de Sarria. Non somos illas asociativas, podemos facer actos conxuntos e estamos abertos a iso. Temos en previsión facer actividades fóra da Sede, como lanzar algunha parte expositiva en Paradela ou en Samos, colaborando tamén con eses concellos da comarca de Sarria, ou facendo algunha actividade con escolas de Paradela. Queremos evitar o centralismo cultural en Sarria. Somos conscientes de que sería unha incoherencia e non queremos incorrer niso. Tamén temos en mente colaborar con Nacho, o da Asociación Que facemos? e estamos falando tamén coas persoas que organizan o Festival A Ribela. Hai xente en Sarria facendo cousas moi interesantes. De feito, cremos que realmente somos unha comarca moi activa. Nós queremos colaborar con quen sexa porque estamos na mesma onda.

Desde a Asociación Huhú hai ganas de facer moitas cousas, non?

Cando fas unha iniciativa, hai que ter optimismo sobre a súa continuidade no tempo. Cando rematemos a TST1, faremos unha TST2. Ademais, xa estamos mirando para organizar o curso que vén unha actividade cun grupo da Universidade de Belas Artes de Pontevedra que organiza exposicións. Queremos colaborar con eles para que poidan ter o seu primeiro proxecto serio no noso espazo co apoio de profesionais de gran nivel. Tamén estamos explorando colaboracións coa Escola Ramón Falcón de Lugo e con estudantes para facer unha exposición conxunta. Gustaríanos integrar xente nova que necesita un espazo e ilusión, e que poden encaixar neste proxecto. A xente que estivo aquí gustoulles o noso proxecto porque lles damos liberdade para expoñer o que queren, polo que nese camiño seguiremos.

Con todo o que está comentando, poderíase concluír que o máis importante é promover a arte desde o ámbito local, non?

Temos ese discurso de facer un eixo atlántico cultural interior. Porque parece que só se pode facer arte contemporánea se falas de Lisboa, Porto, Vigo ou A Coruña. Aquí tamén temos creadores de arte contemporánea que están a expoñer noutras salas. ¿Por que non podemos impulsar un proxecto propio de arte contemporánea desde o interior de Galicia? Ademais, proxéctase tamén cara a Portugal. Temos unha problemática rural, ambiental e artística común. Ese momento ponte parécenos interesante. A reflexión sobre o territorio e onde estamos; a arte non é outra cousa que unha clave para interpretar ese territorio. Tamén temos un punto de evanxelización, de sensibilización. ¿Por que unha persoa de Samos ten que ir á Coruña para ver arte contemporánea? Ten dereito a dicir que non lle gusta a arte contemporánea, pero porque a viu. Entón tamén se trata un pouco de sensibilizar, de exhibir, para ben ou para mal, desde aquí.

Contan con con axudas para desenvolver o seu labor?

Fixemos un esforzo importante, xa que partimos de cero coa asociación e, en pouco máis dun ano, xa temos unha Sede que vai mellorando. Ademais, cada vez vén máis xente ás actividades e temos 200 persoas asociadas. A nosa visión é horizontal: pode ser socio quen queira por un euro anual. A xente que quere achegar máis ten a opción de facer doazóns, pero tamén lles gusta ser recoñecidos como socios. Por iso, creamos a figura de socio base por un euro ao ano, con acceso a todas as actividades e podendo traer amizades para dar visibilidade. Temos tamén a figura de socio protector (50 euros anuais), que inclúe cursos gratuítos ou bonificacións en obradoiros, xa que ata agora, todos os talleres foron abertos e gratuítos. E logo están os socios sobreprotectores, que pagan 100 euros ao ano. Moitos queren ser sobreprotectores porque lles fai graza. Esta é a primeira parte da financiación: os nosos socios. Macheta tamén funciona coa vontade, pero iso non chega. Nós pagamos a todas as persoas colaboradoras e artistas porque valoramos o seu traballo. Aspiramos a introducir boas prácticas á hora de contratar artistas e tratar con eles e traballamos por poñer en valor ese traballo, documentando as condicións para que se sintan seguros e recoñecer que é un traballo serio. Contribuímos, na nosa escala, a establecer boas prácticas, contratos de calidade e formalización, porque tomamos a arte en serio. Por iso, organizar un bloque temático require recursos. Eses recursos veñen tamén grazas ás achegar de particulares que contribúen sen querer ser socios e das institucións. O Concello de Sarria axudounos co primeiro bloque cando precisabamos material e este ano tamén contamos coa súa colaboración. Ademais, estamos en conversas coa Deputación de Lugo porque o noso proxecto vertebra unha concepción provincial da arte contemporánea, xa que hai produción e masa crítica. En Sarria, co que estamos facendo na Sede, non temos nada que envexar a unha exposición que poidas ver en Madrid. Polo que, a nivel institucional, é interesante que nos acompañen nese camiño e que nos axudemos mutuamente cunha visión común de provincia e do que podemos facer desde aquí.

⚙ Configurar cookies
0.16478896141052